A Xunta lanza novas medidas para o reforzo educativo cun Programa de apoios extraescolares e plans integrais de mellora para cada centro
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destaca que a principal medida ten por obxectivo reforzar a aprendizaxe do alumnado de 6º curso de Primaria que máis o precise para facilitar o cambio de etapa á ESO
Impulsarase un sistema estable de mellora continua onde a avaliación e diagnose se traduza nunha resposta concreta, medible e adaptada á realidade de cada centro
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, deu conta hoxe da posta en marcha de novas medidas para a mellora do sistema educativo que inclúen un Programa de reforzo extraescolar, así como un sistema estable de mellora continua do sistema que permita desenvolver plans integrais con propostas específicas, concretas e adaptadas a cada centro de ensino.
Deste xeito, tal e como afirmou o conselleiro, desde a Administración autonómica estase a impulsar un novo marco de actuación orientado a “mellorar os resultados dos alumnos galegos” e á prevención das dificultades de aprendizaxe, apoiando a quen máis o precisa, en aras da igualdade de oportunidades.
Plan de reforzo para facilitar a transición de etapa
Diego Calvo indicou que este marco de actuación, que se desenvolverá neste curso, inclúe a posta en marcha dun Programa de reforzo educativo extraescolar dirixido ao alumnado de 6º curso de Educación Primaria no que decidirán participar os centros de xeito voluntario. O obxectivo é reforzar a aprendizaxe destes alumnos na transición á etapa de Ensino Secundario Obrigatorio, ESO. Ten unha finalidade fundamentalmente preventiva, enfocada a conseguir que o alumnado finalice a etapa coas aprendizaxes, competencias e hábitos necesarios para afrontar adecuadamente a seguinte etapa.
Estará dirixido, prioritariamente, ao alumnado proposto polos centros que presente maiores necesidades de reforzo, tendo en conta cuestións como as dificultades nas aprendizaxes esenciais, o nivel de adquisición das competencias, a súa evolución académica, necesidades detectadas polo equipo docente ou se hai situación de vulnerabilidade socioeducativa.
As actividades desenvolveranse fóra do horario lectivo, preferentemente nos propios centros e mediante grupos reducidos. En canto aos contidos, centraranse, principalmente, na consolidación das aprendizaxes esencias, no reforzo das competencias lectora e matemática, na aprendizaxe de técnicas de estudo, organización e planificación e na adquisición de hábitos de traballo, autonomía e estratexias de aprendizaxe.
Con esta medida, a Xunta de Galicia continúa afondando nos principios de equidade e igualdade de oportunidades que caracterizan o sistema educativo galego, xa que se facilita o acceso ao reforzo académico con independencia da capacidade económica das familias para recorrer a apoios alternativos.
Sistema de mellora integral e resposta personalizada
O conselleiro abondou que, paralelamente, a Consellería de Educación impulsará o deseño dun Sistema galego de mellora educativa integrado e estable que facilitará a identificación de dificultades para que os centros, en colaboración coa Inspección Educativa, poidan desenvolver “plans adaptados a cada realidade” de mellora acordes coas súas necesidades. Isto é, que a avaliación e a diagnose do sistema se traduza nunha resposta de mellora educativa concreta, medible e adaptada á realidade de cada centro.
O punto de partida serán os resultados das avaliacións de diagnóstico que se realizan cada ano en 4º de Primaria e 2º de ESO e para iso, ademais do rendemento competencial, teranse en conta variables como o nivel socioeconómico e cultural, o alumnado en situación de vulnerabilidade, o alumnado inmigrante ou o tamaño e as características do centro, entre outros.
A partir de todos estes datos deseñaranse actuacións centradas en cada caso e que poden abranguer cuestións como a mellora das competencias clave, o impulso de novas metodoloxías de aula, a atención á diversidade, a formación do profesorado, ou o fortalecemento do liderado pedagóxico.
Plan MEGA
Estas novas accións complementan as iniciativas que se están desenvolvendo ao abeiro do Plan MEGA, de Mellora Educativa de Galicia, a estratexia do Goberno da Xunta para incrementar o nivel das competencias clave do alumnado, personalizar o apoio educativo e a atención ás necesidades específicas e avanzar no modelo de ensino inclusivo polo que destaca o sistema educativo galego.