A Xunta adxudica por preto de 30.000 € o contrato para controlar a poboación de visón americano no Parque Natural de Corrubedo e protexer a píllara das dunas

O fin último é facer fronte á potencial incidencia como depredador desta especie exótica invasora sobre os niños e polos desta ave protexida

Esta acción, a desenvolver entre este ano e o que vén, enmárcase no proxecto transfronteirizo Iberalex para a conservación da píllara das dunas para mellorar o seu estado de conservación

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2025

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, adxudicou por preto de 30.000 euros un contrato para a realización de accións de control sobre o visón americano (Neovison vison), especie incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras, no Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán pola súa potencial incidencia como depredador de niños e polos da píllara das dunas.

Esta medida enmárcase na acción de eliminación de fauna invasora prevista no proxecto Xestión sostible de praias e humidais ibéricos: conservación da píllara das dunas como ferramenta para compatibilizar usos humanos e biodiversidade (Iberalex), financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa EP-Interreg VA España-Portugal (Poctep) 2021-2027.

O obxectivo xeral desta iniciativa é mellorar o estado de conservación desta especie protexida no espazo transfronteirizo a través dunha estratexia de xestión integral de praia e humidais supralitorais e continentais que contribúa á compatibilización das actividades humanas e a conservación da súa biodiversidade asociada.

O contrato, que se desenvolverá entre este ano e o que vén, prevé o desenvolvemento dos traballos necesarios para realizar o control poboacional do visón americano no parque natural mediante a colocación de gaiolas-trampa sobre plataforma flotante. Esta metodoloxía demostrou a súa eficiencia para a captura selectiva desta especie trala experiencia adquirida en multitude de proxectos de conservación e converteuse en poucos anos na principal ferramenta para o seu control.

Data de actualización: 11/05/2025