A conselleira de Política Social e Igualdade mantén unha reunión de traballo coa secretaria de Estado de Dereitos Sociais
Fabiola García reitera ao Goberno central que aborde o financiamento estrutural do sistema de atención á dependencia
Solicita que o Executivo central teña en conta ás comunidades e aos concellos, aos que na modificación da Lei de Dependencia incrementa as cargas pero sen achegar financiamento
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, mantivo esta semana unha reunión de traballo coa secretaria de Estado de Dereitos Sociais, Rosa Martínez, sobre cuestións relativas á nova modificación da Lei de dependencia e discapacidade. Durante o encontro, a conselleira volveu solicitar que o Goberno central aborde canto antes o financiamento estrutural da dependencia e que achegue o 50% de financiamento esixido por lei.
Neste sentido, Fabiola García destacou que “sen abordar o financiamento non é posible un avance real no sistema de atención á dependencia”. Sobre esta cuestión, puxo de exemplo o caso de Galicia, no que as achegas ao sistema de atención á dependencia por parte do Goberno central reducíronse ao pasar do 40% en 2023 ao 34,9% en 2024, o que provoca que a débeda acumulada con Galicia nesta materia supere os 2.500 M€.
A conselleira tamén solicitou o incremento dos importes mínimos e o aumento da achega do nivel acordado para continuar impulsando melloras no sistema de dependencia. Así mesmo, apostou porque se estableza que o envellecemento da poboación e a dispersión teñan un maior peso nos criterios xerais de financiamento.
Nesta liña, solicitoulle novamente ao Executivo de Pedro Sánchez que teña en conta as necesidades das Comunidades Autónomas e dos Concellos que coa nova proposta terán que incrementar as súas funcións, como no caso do Servicio de Axuda no Fogar que ampliaría as súas actividades. Todo isto – recalca a conselleira – sen unha memoria económica e sen aumentar o financiamento.
Na reunión, Fabiola García tamén insistiu en que se recoñezan as Casas do Maior como servizo de atención diúrna e que se elimine a excepcionalidade dos coidados no fogar. Sobre estas cuestións, destacou a importancia de que o Goberno central teña en conta ás comunidades e aos concellos, aos que na modificación da Lei de Dependencia incrementa as cargas pero sen achegar financiamento.
Por último, Fabiola García alertou de que o Goberno central “corre o risco de repetir coa Lei ELA o mesmo erro que coa dependencia”, en referencia a esta normativa, que entrou en vigor o pasado mes de novembro “e continúa sen financiamento”. Sobre esta cuestión, incidiu en que “non se poden recoñecer dereitos se isto non vai acompañado de fondos”.