A conselleira de Política Social e Igualdade participa na convivencia anual da entidade
Fabiola García pon en valor a traxectoria da Fundación San Rosendo na atención e coidado das persoas maiores
A conselleira garante o apoio do Goberno galego ás entidades sociais para avanzar “nunha rede de centros residenciais que son auténticos fogares para os seus usuarios”
Baños de Molgas (Ourense), 31 de agosto do 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo hoxe en valor a dedicación e compromiso da Fundación San Rosendo coa atención ás persoas maiores. Fíxoo na celebración da tradicional peregrinación de maiores ao santuario dos Milagres, que reúne cada ano a usuarios, familias e profesionais da entidade. Neste acto, estivo acompañada polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, polo alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández, e polo presidente da Fundación, José Luís Gavela.
Na súa intervención, Fabiola García subliñou a importancia de contar en Galicia con entidades como a Fundación San Rosendo, cuxo labor e compromiso “constitúen unha garantía de benestar para os usuarios e ofrecen tranquilidade ás súas familias”. Do mesmo xeito, puxo en valor a súa aposta por un modelo asistencial baseado nunha atención humana, próxima e personalizada.
Neste sentido, trasladou á Fundación o apoio da Xunta para “continuar avanzando no desenvolvemento dun modelo de coidados Galicia Calidade”, baseado en poñer as persoas no centro da atención. Este modelo, sinalou, inclúe unha rede de centros que son “auténticos fogares”, nos que as persoas reciben non só os coidados que precisan, senón tamén unha atención próxima, digna e adaptada ás súas necesidades.
Fabiola García reafirmou así a súa disposición a colaborar coas entidades do sector para continuar mellorando a atención e consolidando un sistema de coidados no que a calidade asistencial vai acompañada dun enfoque plenamente humano.
Xornada de convivencia anual
Preto dun milleiro de persoas, entre persoal e usuarios de diferentes centros da fundación, participaron nesta xornada de convivencia. Pola mañá, visitaron o santuario dos Milagres e, con posterioridade, asistiron a unha representación teatral a cargo de residentes no centro residencial e participaron nun xantar de confraternidade.