Antonio Gómez Caamaño participou na mesa debate Novos desafíos para enfrontar a fragmentación das desigualdades territoriais, no marco do II Encontro sobre políticas sanitarias e estado das autonomías que se celebra en Santander
O conselleiro de Sanidade sinala a planificación, o investimento, a innovación e os profesionais como elementos clave para garantir a equidade na atención ante os retos do envellecemento e a dispersión da poboación
Salienta que Galicia representa unha contorna socio demográfica idónea para avaliar a sanidade do futuro e que a equidade territorial non só consiste en dispoñer dos mesmos recursos en todos os lugares, senón en adaptar eses recursos ás necesidades reais de cada territorio
Considera que o sistema sanitario debe evolucionar cara a modelos de atención máis integrados, cunha maior coordinación entre niveis asistencias e os servizos sociais, polos que está a apostar Galicia
Entre as ferramentas para garantir a accesibilidade, cita unha política de recursos humanos adaptada ás expectativas dos profesionais, a transformación dixital, a educación sanitaria ou a potenciación da atención a domicilio
Santander, 26 de agosto de 2026
O conselleiro de Sanidade, sinalou hoxe o envellecemento e a dispersión poboacional como os grandes retos á hora de deseñar as políticas sanitarias co obxectivo de que toda a cidadanía teña as mesmas oportunidades de acceso a unha atención sanitaria de calidade e, para iso, considerou a planificación, os investimentos, a innovación e os profesionais sanitarios como elementos clave para afrontar eses desafíos.
O titular da carteira sanitaria participou en Santander na mesa debate Novos desafíos para enfrontar a fragmentación das desigualdades territoriais, no marco do II Encontro sobre políticas sanitarias e estado das autonomías. A mesa foi moderada por César Pascual, conselleiro de Saúde do Goberno de Cantabria, e nela participaron tamén Esther Monzón, conselleira de Canarias e María Martín Díez, conselleira de Saúde e Políticas Sociais do Goberno da Rioxa.
Para o máximo responsable do Sergas, Galicia representa unha contorna socio demográfica idónea para avaliar a sanidade do futuro e considera que a equidade territorial non só consiste en dispoñer dos mesmos recursos en todos os lugares, senón en adaptar eses recursos ás necesidades reais de cada territorio.
Galicia é unha das comunidades máis avellentada de Europa, o que implica unha maior prevalencia de enfermidades crónicas, por iso o sistema sanitario debe evolucionar cara a modelos de atención máis integrados, cunha maior coordinación entre niveis asistenciais e os servizos sociais, polos que está a apostar Galicia.
Afrontar a fragmentación territorial esixe, segundo Gómez Caamaño, combinar planificación, investimento, innovación e unha firme aposta polos profesionais sanitarios.
O obxectivo do Goberno galego debe ser un sistema sanitario máis próximo, máis resolutivo e máis cohesionado, capaz de ofrecer a mesma calidade asistencial a unha persoa que viva nunha gran cidade que a quen resida no municipio máis pequeno de Galicia.
Ferramentas estratéxicas
Entre as ferramentas para garantir a accesibilidade, o conselleiro citou unha política de recursos humanos adaptada ás expectativas dos profesionais. Así, as medidas impulsadas pola Xunta inclúen o incremento da capacidade de formación sanitaria especializada, iniciativas de estabilización e fidelización dos profesionais e actuacións organizativas dirixidas a reforzar os equipos e a capacidade resolutiva da asistencia sanitaria.
O fortalecemento da atención primaria, a transformación dixital, a modernización das infraestruturas, a educación sanitaria ou a potenciación da atención a domicilio, son outras das estratexias impulsadas pola Xunta en materia sanitaria.
O conselleiro insistiu en que a dispersión da poboación galega obriga a manter unha rede asistencial próxima á poboación e a combinar a atención presencial como fórmulas organizativas e tecnolóxicas que reduzan desprazamentos e permitan o acceso a recursos especializados desde os distintos puntos do territorio e, nese senso, a rede de atención primaria constitúe o principal elemento de proximidade do sistema sanitario.
Tamén incidiu Gómez Caamaño en que o Servizo Galego de Saúde dispón dun Plan galego de hospitalización a domicilio que pretende potenciar e consolidar este modelo asistencial e garantir o seu desenvolvemento, estendendo a toda a cidadanía unha atención o máis apropiada e eficiente posible.
Xunto ao anterior, o conselleiro destacou que a dixitalización permite complementar a atención presencial e facilitar o acceso a servizos especializados sen necesidade de trasladar fisicamente ao paciente. Ao respecto, Galicia dispón da historia clínica electrónica compartida, teleconsulta, interconsulta entre primaria e hospitalaria e ferramentas de seguimento remoto, como a plataforma TELEA.