O conselleiro de Sanidade visitou esta mañá a Central de coordinación da Fundación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 na Estrada, acompañado do director, Román Gómez

Gómez Caamaño salienta a fortaleza que volveu demostrar o 061 durante o apagamento, logo de atender máis de 1 millón de chamadas en 2024

Destaca que Galicia conta cun sistema “robusto e eficiente”, que achega unha resposta “áxil e próxima á cidadanía” para atender emerxencias sanitarias

Lembra que durante a caída do subministro eléctrico o pasado 28 de abril, o 061 recibiu case 2.400 chamadas e mobilizou os seus recursos en preto de 1.000 ocasións

Sinala que, para garantir unhas comunicacións sempre operativas, se está a estudar o reforzo dos sistemas de comunicación do 061 levándoos a centrais públicas con xeradores autónomos e o despregamento dunha rede satelital de órbita baixa 

Felicita á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por acatar o selo europeo EFQM+600, máxima distinción internacional para as organizacións que contan coas mellores xestións de calidade

En 2024, o 061 atendeu máis dun millón de chamadas e mobilizou os seus recursos en preto de 320.000 ocasións

A Estrada (Pontevedra), 13 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, realizou esta mañá unha visita á Central de coordinación da Fundación de Urxencias Sanitarias 061, durante a cal salientou a fortaleza mostrada polos equipos de emerxencias galegos durante o apagamento e destacou a actividade prestada durante o pasado ano, cando atendeu máis de 1 millón de chamadas.

Acompañado polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, o titular de Sanidade agradeceu o traballo que desenvolven a diario os máis de 270 profesionais que integran os cadros de persoal do 061, recoñecendo dun xeito especial o labor nunha xornada tan crítica como foi a do pasado 28 de abril.

Segundo destacou Gómez Caamaño, durante as máis de 12 horas que durou a caída do subministro eléctrico, o 061 recibiu case 2.400 chamadas e mobilizou os seus recursos asistenciais en preto de 1.000 ocasións.

Grazas ao esforzo de traballo e coordinación realizado non só se conseguiu manter a operatividade do sistema, senón que se salvaron vidas. Durante ese tempo activáronse 4 códigos ictus, atendéronse 7 asistencias por ictus, 2 infartos agudos de miocardio, 1 reanimación cardiopulmonar, 24 accidentes de tráfico e ofreceuse atención domiciliaria a 121 pacientes con dificultades respiratorias.

Co obxectivo de manter a calidade asistencial e adiantarse a posibles imprevistos, como o do pasado 28 abril, o conselleiro avanzou que o 061 está a avaliar a posibilidade de reforzar os seus sistemas de comunicación levándoos a centrais públicas con xeradores autónomos, ademais do posible despregamento dunha rede satelital de órbita baixa para garantir a operatividade constante das súas comunicacións.

Gómez Caamaño tamén se referiu á actividade realizada en 2024, cando a Central de coordinación do 061 atendeu máis de 1 millón de chamadas, mobilizando os seus recursos en preto de 320.000 ocasións. Rexistrou unha media de 3.100 chamadas ao día e conseguiu responder ao 93 % desas chamadas en menos de 10 segundos.

Sobre este particular, Gómez Caamaño remarcou que este datos de actividade reflicten o “sistema robusto e eficiente” co que conta a comunidade galega, ao “ofrecer unha resposta áxil e próxima á cidadanía” no caso de acontecer unha emerxencia sanitaria.

Recoñecemento internacional por unha xestión de calidade

O conselleiro de Sanidade tamén quixo felicitar á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, xa que vén de ser recoñecida co selo EFQM+600, máxima distinción internacional coa que se recoñece ás organizacións con mellor desempeño e xestión de calidade.

Este selo de excelencia europea recoñece a xestión excelente, innovadora e sostible realizado polo 061 no que atinxe á atención das emerxencias sanitarias. 

Así, e tras felicitar a todo persoal do 061, Gómez Caamaño destacou a importancia desta distinción que, a día de hoxe, soamente posúen 13 organizacións en todo o Estado español.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2025