A secretaria xeral Técnica, Marta Barreiro, compareceu na Comisión 8, Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia

A Xunta fomenta o consumo do produto de proximidade mediante a súa inclusión nos criterios de adxudicación nos procesos de contratación pública

O Goberno galego incorpora de xeito transversal e preceptiva criterios sociais e medioambientais que garden relación co obxecto dos contratos en liña co marco normativo estatal e autonómico vixente

Destaca iniciativas como o proxecto ‘Ecocomedores’ da Axencia Galega de Servizos Sociais e destacan que en vindeiras licitacións afondarase na valoración de ofertas que propoñan produtos de proximidade co fin de diminuír a pegada

Tamén pon en valor selos como ‘PescadeRías, de onde se non?’ que identifica aos produtos pesqueiros procedentes da frota artesanal que valoriza un modelo de explotación sostible dos recursos mariños 

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025

A Xunta fomenta o consumo do produto de proximidade mediante a súa inclusión nos criterios de adxudicación nos procesos de contratación pública da Administración autonómica. Así o explicou a secretaria xeral Técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, no marco da súa comparecencia na Comisión 8 do Parlamento na que manifestou o compromiso do Goberno galego na adopción de medidas para afondar na aposta polos produtos con circuíto curto de distribución e que permite reforzar a imprescindible soberanía alimentaria.

A responsable autonómica recordou o papel do sector primario no subministro de alimentos durante a pandemia da Covid-19 e que na actualidade o 70% do peixe consumido en Europa é procedente de terceiros países. Neste contexto, subliñou a necesidade de propiciar medidas que permitan incrementar a capacidade da frota galega, unha das máis respectuosas do mundo, abondando na promoción do consumo dos produtos pesqueiros, da acuicultura e da industria transformadora dos produtos do mar.

A secretaria xeral detallou que a Xunta incorpora de xeito transversal e preceptiva criterios sociais e medioambientais que garden relación co obxecto dos contratos en liña co marco normativo estatal e autonómico vixente. Nesta liña, nomeou a lei 14/2013 de racionalización do sector público, a 5/2021 de impulso demográfico de Galicia ou a 1/2024 da calidade alimentaria de Galicia. Unhas disposición ás que sumou a publicación no 2023 da Guía de contratación pública ecolóxica, que supuxo un avance cara a economía circular e neutralidade climática ao ser unha ferramenta de referencia para todos os órganos da Administración autonómica.

Por outra banda e en paralelo, destacou iniciativas como o proxecto Ecocomedores, da Axencia Galega de Servizos Sociais (Agass), en colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia e a Reserva da Biosfera As Mariñas. Así, os criterios xerais na alimentación das escolas son os menús de tempada, como primeira opción o produto de horta ecolóxico, carnes e peixes de ser factible, produtos quilómetro cero e de comercio local. Senda que tamén segue as escolas infantís do consorcio  nos pregos técnicos de licitación. Unha dirección na que se afondará nas vindeiras licitacións mediante a valoración de ofertas que propoñan produtos de proximidade co fin de diminuír a pegada de carbono, dentro da Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, e de fomentar a compra de produtos de proximidade de Galicia.

PescadeRías, de onde se non?

Marta Barreiro tamén puxo en valor selos como PescadeRías, de onde se non?  que identifica aos produtos pesqueiros procedentes da frota artesanal que valoriza un modelo de explotación sostible dos recursos mariños dada a alta selectividade das artes que utilizan. A esta etiqueta poden acollerse o peixe e marisco , fresco ou preparado, extraído na plataforma continental pola frota galega do día e que foran capturados como máximo 24 horas antes da primeira venda. Esta marca permite diferenciar nos mercados a frescura e calidade dos seus produtos, froito dunha pesca que promove o benestar e conservación dos ecosistemas mariños.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2025