O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora de ADOS, presentou os resultados de doazón de sangue referidos ao pasado ano

Gómez Caamaño agradece a xenerosidade da cidadanía galega, que permitiu acadar en 2024 as 105.378 doazóns de sangue, preto dun 2 % máis

Destaca o incremento producido, que sitúa a Galicia entre as comunidades que contan cun nivel máis alto de participación en todo o Estado, 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, manténdose arredor de tres puntos por riba da media nacional

Remarca que o pasado ano 8.931 persoas doaron sangue por primeira vez, o que reflicte o firme compromiso das novas xeracións

Pon en valor o labor dos profesionais que integran os equipos de hemodoazón da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, así como a todas as entidades que contribúen a conseguir estas boas cifras e, especialmente, das 73.421 doantes

Marisa López pon en valor que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue conta cos máis altos estándares de calidade que se poden obter no ámbito sanitario

Desde que se puxo en marcha a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, en 1993, acadáronse os 3.334.000 doazóns 

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, agradeceu a xenerosidade e a implicación da sociedade galega, que permitiu acadar as 105.378 doazóns de sangue o ano pasado, o que supón 1.853 máis que no 2023, representando un incremento de preto dun 2 %.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado da directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, presentou o balance de doazón de sangue do pasado ano.

Tal e como detallou o conselleiro, o incremento producido nas doazóns de sangue permite elevar un punto máis a taxa global galega, pasando de 38 a 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, situando á nosa comunidade entre as que contan cun nivel máis alto de participación en todo o Estado, manténdose ao redor dos tres puntos por riba da media nacional.

Outro dato moi positivo destacado polo conselleiro é o feito de que o pasado ano 8.931 persoas doaron sangue por primeira vez, o que reflicte a crecente confianza da cidadanía no sistema e o firme compromiso das novas xeracións.

Xunto ao anterior, a campaña universitaria na que participan os sete campus galegos tamén presenta un bo balance, acadándose 1.348 doadores, o que permite asegurar o relevo xeracional que resulta fundamental para cubrir as necesidades de sangue diarias dos hospitais do Servizo Galego de Saúde e dar continuidade a un sistema de doazón do que o conselleiro amosouse orgulloso.

Gómez Caamaño puxo en valor o labor dos profesionais que integran os equipos de hemodoazón da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, máis de cen, así como ás entidades que contribúen a conseguir estas boas cifras, como son os concellos, as universidades, as empresas, a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, así como ás 73.421 persoas que doaron o seu sangue que, co seu xesto, contribúen a salvar vidas.

O conselleiro animou a toda a sociedade galega a seguir por este camiño de solidariedade, de xenerosidade e de compromiso coa sanidade pública galega.

Nivel de participación e estándares de calidade

Na súa intervención na rolda de prensa, a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, detallou polo miúdo as cifras de doazón, referindo, entre outros datos, o número e as taxas de doazóns de xeito provincializado.

Provincia

Doazóns 2024

Taxa de doazón 2024

A Coruña

47.972

43/1.000

Lugo

8.097

25/1.000

Ourense

9.401

32/1.000

Pontevedra

39.918

43/1.000

Total Galicia

105.378

39/1000

A directora de ADOS incidiu en que, durante o pasado ano, as sete principais cidades galegas concentraron preto do 44 % das doazóns de sangue, cun total de 45.968 achegas, o que representa unha taxa media de 46 doazóns por cada mil habitantes e ano. Neste sentido, destacou especialmente á cidade de Santiago de Compostela que, un ano máis, acadou a maior taxa, con 85 doazóns por cada mil habitantes, seguida de Pontevedra (55/1000) e de Ferrol (47/1000).

En canto ao número total de doazóns, Vigo foi a cidade con maior número, alcanzando as 12.257.

Cidade

Doazóns 2024

Taxa de doazón 2024

A Coruña

9.995

40/1000

Ferrol

2.999

47/1000

Santiago de Compostela

8.457

85/1000

Lugo

3.319

33/1000

Ourense

4.412

42/1000

Pontevedra

4.547

55/1000

Vigo

12.257

42/1000

Total

45.968

46/1000

Á marxe das grandes cidades, entre os concellos cun maior índice de participación destaca o municipio coruñés de Padrón, con 86 doazóns por cada 1000 habitantes e ano.

Na provincia de Lugo, Meira foi o concello coa maior taxa, 79/1000 habitantes e ano. Na provincia de Ourense, o máis alto nivel de participación rexistrouse na Pobra de Trives, que acadou  a taxa de 64/1000 habitantes e ano; mentres que na de Pontevedra foi O Rosal, cunha taxa de 69/1000 habitantes e ano.

Provincia

Concello con maior

taxa de doazón

Doazóns 2024

Taxa de doazón 2024

A Coruña

Padrón

717

86/1.000

Lugo

Meira

139

79/1.000

Ourense

A Pobra de Trives

126

64/1.000

Pontevedra

O Rosal

450

69/1.000

Marisa López tamén puxo en valor que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue conta cos máis altos estándares de calidade que se poden obter no ámbito sanitario pois, na actualidade, dispón da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, así como as acreditacións de calidade outorgadas polo Comité de Acreditacións da Transfusión (CAT) e a European Federation for Immunogenetics (EFI).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2025