A Xunta achega a escolares de Forcarei os oficios tradicionais artesanais a través do proxecto ‘Artesanía na escola’

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou no CEIP Nosa Señora das Dores na demostración do artesán Xosé Manuel Sanín, protagonista da segunda das unidades didácticas deste programa de divulgación da artesanía

Forcarei (Pontevedra), 14 de maio de 2025

A Xunta continúa desenvolvendo por toda Galicia o programa Artesanía na Escola. Esta mañá, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse ata o CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei, na provincia de Pontevedra, para presentar a segunda das unidades didácticas do programa, na que se lle achega aos nenos e nenas o proceso de elaboración artesanal dunha pandeireta.

Artesanía na escola é un programa de divulgación impulsado pola Xunta dende o ano pasado co que se busca presentarlle aos máis pequenos os oficios artesanais como unha profesión de futuro e co que se contribúe a concienciar sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia. A unidade didáctica Eu son artesán de percusión tradicional está centrada na historia e elaboración dun dos instrumentos máis tradicionais de Galicia, a pandeireta, a través da figura do artesán Xosé Manuel Sanín, titular do obradoiro artesanal Sanín Percusión Tradicional (situado en Santiago de Compostela).

Artesanía na escola consiste na creación de diferentes unidades didácticas monográficas sobre oficios artesanais – poñendo especial atención nos oficios máis tradicionais – e nas que se inclúen unha unidade didáctica en papel que se lle envía aos centros participantes e fichas en formato dixital para poder traballar cos alumnos. Cada unidade didáctica fala dun oficio concreto a través da traxectoria dun artesán ou artesá, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado a comprensión do tema ou a ampliación de información, e tamén coa intención de que eses profesionais da artesanía poidan visitar algúns dos centros que están a participar no programa.

Divulgación dos oficios artesáns aos máis novos

Os obxectivos deste programa son divulgar os oficios artesanais que son patrimonio cultural e tamén sector económico; poñer en valor o produto feito á man e do profesional da artesanía como creador e como transmisor de coñecementos; divulgar os vellos saberes e amosar os novos oficios vinculados a unha artesanía máis contemporánea; transmitir os valores da artesanía vinculados a un consumo responsable, á produción local e sustentable e á economía circular; e por último, a longo prazo, atallar o relevo xeracional nos oficios artesanais.

A primeira das unidades didácticas - coa que se comezou a traballar nos centros de ensino durante o curso pasado - está dedicada ao oficio tradicional da elaboración de zocos a través da figura de Elena Ferro, e estase a traballar xa noutras unidades temáticas centradas na ourivería compostelá, na cerámica ou na cestería, co obxectivo de ir incrementando a variedade de oficios que se presentan no marco desta iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2025