A Xunta reclama en Asturias que o retorno se converta nunha política de estado para acompañar o esforzo de comunidades pioneiras como Galicia

O secretario xeral da Emigración participou hoxe no I Foro Retorno e Atracción do Talento en Asturias, onde puxo en valor a Estratexia Galicia Retorna como referente a nivel nacional, con máis de 8.500 galegos retornados no ano 2023

Miranda defendeu que a garantía da eficacia dunha estratexia de retorno debe basearse na integridade, na atención e no acompañamento ás persoas retornadas, así como na transversalidade da actuación dos poderes públicos

Antonio Rodríguez Miranda reivindicou unha “implicación real” do Goberno de España neste eido, que permita aumentar a efectividade do traballo das CCAA e dos recursos públicos que xa están a utilizar gobernos autonómicos como Galicia

Xixón, 15 de maio de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe no I Foro Retorno e Atracción do Talento Asturias, onde puxo en valor a Estratexia Galicia Retorna como pioneira e referente a nivel nacional, con máis de 8.500 galegos retornados só no ano 2023. Na súa intervención destacou que “o retorno debe ser unha política de Estado”, especialmente ante a soidade que sofren as comunidades autónomas que, como Galicia, manteñen un compromiso sostido e profundo neste ámbito.

Miranda defendeu que a garantía da eficacia dunha estratexia de retorno debe basearse na integridade da atención e no acompañamento ás persoas retornadas, así como na transversalidade da actuación dos poderes públicos, implicando de maneira coordinada todas as áreas de goberno.

Ademais, reivindicou unha maior implicación do Goberno central que permita aumentar a efectividade do traballo das comunidades autónomas e dos recursos públicos que xa están a ser utilizados por gobernos autonómicos como o de Galicia. Así mesmo lembrou que o dereito ao retorno recóllese no artigo 42 da Constitución Española e no Estatuto de Autonomía de Galicia, e que debe ser traducido en políticas estatais concretas.

Compromiso da Xunta coa comunidade galega do exterior

Durante a súa intervención, Miranda expuxo a experiencia galega como modelo pioneiro e eficaz para fomentar o retorno e atraer talento do exterior. Subliñou que só no ano 2023, Galicia experimentou un saldo migratorio positivo de 25.738 persoas, e que a nova Estratexia Galicia Retorna 2023–2026 —cun orzamento de 450 millóns de euros e preto de 100 medidas—, busca facilitar o regreso de 30.000 galegos.

O secretario xeral de Emigración fixo fincapé na importancia de manter un vínculo constante coa diáspora galega, a través de programas como os Conecta, Reencontros ou Escolas Abertas, e grazas a unha comunicación dixital eficaz, que en 2024 acadou máis de medio millón de usuarios únicos no portal GaliciaAberta e superou os 80.000 seguidores nas redes sociais.

Antonio Rodríguez Miranda concluíu pedindo unha visión conxunta e estatal do retorno: “Galicia xa demostra con feitos que esta política ten un impacto social e demográfico real. Agora cómpre que o Estado asuma tamén a súa responsabilidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2025