A Xunta achega a capacidade vertebradora do comercio local á mocidade lucense na última xornada do programa piloto da iniciativa ´Localizate´
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou en Lugo no peche da primeira edición dun programa enmarcado no Plan estratéxico do Comercio 2025-2030
A iniciativa ‘Localízate! No teu comercio local’ busca reforzar os vencellos coas novas xeracións, permitindo chegar a máis de 600 rapaces e rapazas coa colaboración de arredor de 70 establecementos de Lugo, Vigo, A Coruña e Ourense
Lugo, 15 de maio de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Lugo na última das xornada do programa piloto Localízate! No teu comercio local, iniciativa do Goberno galego dirixida á mocidade e enmarcada nas accións do Plan estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030.
O alumnado de 1º a 4º da ESO das escolas lucences participantes percorreron esta mañá por equipos as rúas da cidade e resolveron distintas probas coas que crearon vencellos cos establecementos comerciais das súas contornas, nas que se puxeron en valor aspectos como o traballo en equipo, a experiencia de compra, a xeración de emprego local e a sostibilidade ambiental.
A proba de hoxe pon o peche desta experiencia piloto celebrada nas cidades de Vigo, A Coruña, Ourense e a propia cidade de Lugo. En paralelo, en cada unha das cidades situouse unha unidade móbil como punto informativo e escaparate de produtos locais. No caso de Lugo estivo situada diante da sede da delegación territorial da Xunta.
Desenvolvemento da xincana
Cada clase participante dividiuse en grupos dun mínimo de 8 e un máximo de 10 alumnos e alumnas, estando acompañados dunha persoa adulta responsable durante todo o percorrido da xincana. A actividade consistiu en que cada un grupo superase seis probas ao longo dun percorrido por distintos establecementos comercias e postos das prazas de abastos, a través das cales coñeceron de primeira man as tipoloxías do comercio de proximidade e a actividade comercial. En cada proba deberon responder a unha pregunta relacionada coa actividade comercial, recibindo por cada resposta correcta a peza dun crebacabezas, resultando gañador o equipo que o completase no menor tempo.
Localízate constitúe unha aposta estratéxica da Xunta por reforzar o futuro do comercio galego a través da participación e implicación das novas xeracións, que nesta primeira convocatoria permitiu chegar a máis de 600 rapazas e rapaces coa colaboración de arredor de 70 establecementos de Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense. Nas próximas edicións do programa iranse sumando distintas localizacións ata abarcar todo o territorio galego, achegando de primeira man ao alumnado participante o seu comercio local máis próximo e o impacto social, medioambiental e económico que xera.