Román Rodríguez supervisa as obras de mellora no Instituto República Oriental do Uruguai en Vigo, a cidade onde máis inviste a Xunta en educación

O Goberno galego dedica preto de 200.000€ ao cambio de 704 luminarias e 200m² de falsos teitos do centro, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

A Consellería está achegando 30M€ a obras nos centros de ensino da cidade

Vigo, 15 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o IES República Oriental do Uruguai, onde comprobou o resultado das melloras sectoriais acometidas neste instituto de Vigo, a cidade galega que concentra o maior investimento por parte da Xunta no eido da educación.

No que respecta ás obras do República Oriental do Uruguai, cun orzamento de preto de 200.000€, o conselleiro explicou que tiveron como obxectivo principal a mellora da eficiencia enerxética das instalacións. “Esta é, precisamente, unha das principais liñas de acción do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que estamos a modernizar centros educativos de toda Galicia facéndoos, ao tempo, máis verdes”, dixo.

A intervención de maior envergadura consistiu na renovación da iluminación do centro e o pavillón, que ata o momento era, case na súa totalidade, de lámpadas fluorescentes ou tubos led. No seu lugar instaláronse novas luminarias led de baixo consumo con sistemas de control e regulación, incrementando o número de puntos de luz onde foi necesario. En total instaláronse 704 novas luminarias. A maiores, renováronse 2.200m² de falsos teitos de varias zonas do edificio.

Tal e como explicou o conselleiro, estas intervencións realizáronse ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a través do que a Xunta está a investir preto de 30M€ en obras nos centros de ensino de Vigo. A construción do Instituto IES Domingo Villar, en Navia, é o proxecto estrela, dado que será o primeiro que se constrúa de xeito íntegro en base a estes parámetros, ademais da obra educativa de maior importe neste momento en Galicia, cun orzamento de máis de 19M€.

Tamén están a piques de comezar as obras de cambio de cuberta e rehabilitación do CIFP Valentín Paz Andrade (case 2M€) e do CIFP Manuel Antonio(máis de 1,6M€), e está en licitación a reforma de cubertas do Instituto IES Politécnico de Vigo (máis de 250.000€).

Corresponsabilidade entre administracións

Ás melloras nos colexios e institutos de Vigo tamén se referiu esta mañá o secretario xeral técnico de Educación, Manuel Vila, na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia, onde reiterou o compromiso da Xunta coas reformas das infraestruturas educativas de Galicia en xeral e da cidade olívica en particular, onde se está desenvolvendo o maior investimento por parte da Consellería de Educación.

Manuel Vila referendou as actuacións do Goberno galego ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica que inclúe obras de moita envergadura tanto en nova construción, como é o caso do novo IES de Navia, como en ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras enerxéticas, entre outras. “Unha tarefa complexa que supón un grande esforzo inversor”, explicou, que a Consellería asume no marco das súas competencias e que se complementa coas competencias que teñen os concellos no eido do mantemento dos centros. Neste senso, fixo un chamamento á “corresponsabilidade de todas as administracións” e, ademais, reiterou a demanda da Xunta ao Goberno central dun “Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas” imprescindible nunha Comunidade que conta con 1.600 centros con máis de 40 anos de antigüidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/05/2025