O titular de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu na sesión solemne de ingreso de Luis Paz Ares como académico da Real Academia de Farmacia de Galicia
O conselleiro de Sanidade destaca a achega exemplar do doutor Paz-Ares á investigación oncolóxica clínica e traslacional
Subliña que a incorporación de Paz-Ares á Academia de Farmacia supón afondar nos valores desta institución: a excelencia investigadora e o firme compromiso co benestar das persoas
Lembra que o novo académico leva anos contribuíndo de xeito moi notable ao avance da oncoloxía moderna con importantes achegas ao desenvolvemento de fármacos innovadores e programas formativos
Remarca a exemplar colaboración entre os colexios oficiais de farmacéuticos e a Consellería de Sanidade en iniciativas tan valiosas como a Rede de Farmacias Sentinela
Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe a achega exemplar do doutor Luis Paz-Ares á investigación oncolóxica clínica e traslacional, no acto de ingreso deste recoñecido oncólogo na Real Academia de Farmacia de Galicia.
Tal e como incidiu o conselleiro, a incorporación de Paz-Ares á Academia de Farmacia encarna á perfección os valores desta institución que son a excelencia investigadora e o firme compromiso co benestar das persoas.
Do novo académico, Gómez Caamaño subliñou que leva anos contribuíndo de xeito moi notable ao avance da oncoloxía moderna con importantes achegas ao desenvolvemento de fármacos innovadores e programas formativos, salientando tamén o seu papel docente.
Trátase, dixo Gómez Caamaño, dun profesional de referencia co que comparte, ademais, a paixón por unha disciplina que continúa a explorar sen descanso en beneficio dos pacientes, co propósito de ofrecer tratamentos cada vez máis personalizados, eficaces e humanos.
Segundo referiu o conselleiro, a oncoloxía é un ámbito onde a esperanza e o coñecemento camiñan da man, onde os avances científicos abren portas e onde cada paso debe darse pensando nas persoas que os necesitan.
Na súa intervención Gómez Caamaño tamén destacou a exemplar colaboración entre os colexios oficiais de farmacéuticos e a Consellería de Sanidade en iniciativas tan valiosas como a Rede de Farmacias Sentinela.
Rematou a súa intervención agradecendo ao doutor Paz-Ares a súa disposición a seguir compartindo coñecemento ao servizo da saúde e á Real Academia de Farmacia a súa estreita colaboración cos institucións públicas.