Javier Arias explica ante empresarios lucenses as últimas liñas de axudas da Xunta para emprendedores
O delegado territorial de Lugo participou hoxe no networking convocado polos colectivos BNI Eixo, VCR Breogán e Ouro
Lugo, 16 de maio de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou hoxe ante un grupo de empresarios as principais liñas de axudas autonómicas para emprender ou mellorar a competitividade dos negocios, con especial atención ás que se convocaron nos últimos días.
Arias participou no encontro dos colectivos BNI Eixo, VCR Breogán e Ouro, que reuniron a arredor de 70 empresarios no foro. BNI é unha organización de networking e na cidade conta con estes tres grupos operativos, que se reúnen semanalmente para intercambiar experiencias empresariais de diferentes sectores; “aplican unha fórmula colaborativa para aprender uns dos outros, avanzar nas súas empresas e reforzar o tecido empresarial lucense”, gabou o delegado.
Entre as recentes convocatorias da Xunta, lembrou que este mesmo martes publicouse no DOG un programa de axudas por valor de 6,7 millóns de euros dirixido a novos proxectos emprendedores, con especial atención á remuda xeracional.
Esta orde busca garantir a continuidade de negocios viables xa asentados no territorio, evitando así o seu peche. Poderán beneficiarse autónomos, pemes, cooperativas ou sociedades laborais constituídas desde o 1 de xaneiro de 2023, cunha cobertura que pode chegar ata os 35.000 euros por iniciativa.
O prazo de solicitude abrirá o vindeiro 21 de maio e rematará o 30 de xuño. As axudas cubrirán ata o 55% do investimento, con tramos adaptados e maior intensidade se se dá continuidade a un negocio existente.
Convocatorias do GDR
Tamén están en marcha as convocatorias dos Grupos de Desenvolvemento Rural, que contan cun orzamento de 12M€, para entidades públicas de carácter local ou comarcal e persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo nesta categoría ás comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.
Arias sinalou que se simplificou o acceso á información dos apoios da Xunta a través dunha interface intuitiva na web oficinadoautonomo.gal, “para que sexa máis sinxelo localizar as axudas que en cada momento poden ser do voso interese”. Co mesmo fin, puxéronse en marcha os Polos de Emprendemento, con oficinas en Mondoñedo, Friol, A Fonsagrada, Sarria e Monforte de Lemos.