A Xunta acomete obras de mellora en varios tramos de tres estradas autonómicas no municipio de Ares por valor de 240.000 euros
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá á vía AC-123 onde ademais da reposición da sección completa entre beirarrúas, vaise a executar unha glorieta no punto quilométrico 2+080
As actuacións lévanse a cabo como paso previo á tramitación da transferencia da titularidade destes tramos a prol do Concello de Ares
Ares (A Coruña), 19 de maio de 2025
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a acometer obras de mellora en tres tramos das estradas autonómicas AC-123, AC-124 e AC-130, no municipio de Ares, cun orzamento de 240.000 euros. Estas actuacións supoñen o paso previo á tramitación da transferencia da titularidade dos mesmos a prol do Concello de Ares.
Concretamente os traballos desenvólvense na actualidade na estrada AC-123, entre os puntos quilométricos 1+190 e 2+210, a onde hoxe se desprazou a delegada territorial da en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada da directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire.
A intervención contempla a reposición da sección completa entre beirarrúas e a execución dunha glorieta no punto quilométrico 2+080.
Xunto a esta vía, tamén se están a executar melloras na AC-130, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+400 e 4+240, onde se adecuará a capa de rodadura entre beirarrúas e proximamente se iniciarán os traballos na AC-124, no tramo urbano de Redes, entre os puntos quilométricos 1+770 e 1+170. Neste último caso procederase á reposición dos carrís. Os traballos nas tres vías contemplan ademais a renovación da sinalización horizontal e o recrecido dos rexistros existentes.