A Xunta invita aos cidadáns a participar activamente nun proceso de simplificación administrativa no seo da Semana da Administración Aberta

Desde hoxe a cidadanía pode participar nun proceso aberto no Portal de Transparencia e Goberno Aberto para a simplificación administrativa

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025

A Xunta invita a todos os galegos a participar nun proceso para a simplificación administrativa, co que se pretende coñecer de primeira man as principais problemáticas que a cidadanía atopa nas súas relacións coa Administración e as propostas de mellora e simplificación dos procedementos administrativos.

Esta iniciativa enmárcase no seo da Semana da Administración aberta 2025, na que se implican o conxunto das consellerías para divulgar os principios nos que se sustenta a Administración aberta: a transparencia, a rendición de contas, a participación cidadá, a integridade pública e a colaboración.

Este proceso participativo responde directamente á idea de potenciar a participación cidadá na Xunta de Galicia, e trátase dun proceso totalmente anónimo e gratuíto, no que con total liberdade se poden achegar propostas de mellora nos servizos públicos. Deste xeito, preténdese escoitar de forma directa á cidadanía e tentar de abordar as principais liñas de acción que se detecten neste eido.

Trátase dunha enquisa, anónima e breve, na que se solicita a colaboración para valorar aqueles procedementos administrativos da Xunta que se entende que poden ser simplificados, así como as cargas burocráticas que poden ser eliminadas. Todo isto, coa posibilidade de formular de xeito libre as propostas que se consideren máis útiles ao respecto.

Data de actualización: 19/05/2025