A Xunta licita por 12,4 M€ a compra de equipamento de hospitalización e sistemas automatizados de dispensación de medicamentos

Esta contratación responde ao obxectivo de actualizar e ampliar o equipamento dos hospitais públicos

Tamén, ao estar preto a finalización das obras, é necesario dotar o Hospital Novo Montecelo de sistemas automatizados de dispensación de medicamentos

Estes sistemas de dispensación de medicamentos posibilitan un control extremadamente preciso do stock de produtos nos diferentes servizos hospitalarios e facilítanlle ao persoal máis tempo para a atención ao paciente

Mercaranse 2.613 camas de hospitalización, 30 sistemas automatizados de dispensación de medicamentos, 612 cadeiras de brazos de paciente e 43 camas de críticos

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 5 de xuño para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025

A Xunta publica no Portal de Contratos de Galicia a licitación,mediante acordo marco cun único empresario, da subministración sucesiva de equipamento de hospitalización e sistemas automatizados de dispensación de medicamentos con destino aos hospitais do Servizo Galego de Saúde. O contrato ten un valor estimado de 12.463.432 euros e unha duración de dous anos.

Esta contratación responde á necesidade de actualizar e ampliar o equipamento de hospitalización da rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde, así como pola necesidade de adquisición de sistemas automatizados de dispensación de medicamentos para o Hospital Novo Montecelo, ao estar próximo o remate das obras.

Os máis de 12 millóns de euros de valor estimado do contrato desglósanse en preto de 10 millóns de euros destinados a camas de hospitalización; máis de 1,3 millóns de euros a sistemas automatizados de dispensación de medicamentos; máis de 430.000 euros a cadeiras de brazos de paciente; e preto dun millón de euros a camas de críticos.

En concreto, mercaranse 2.613 camas de hospitalización, 30 sistemas automatizados de dispensación de medicamentos, 612 cadeiras de brazos de paciente e 43 camas de críticos.

Pola súa banda, os sistemas automatizados de dispensación de medicamentos posibilitan un control extremadamente preciso do stock dos produtos nos diferentes servizos hospitalarios, na farmacia do hospital e/ou nos almacéns de cada planta onde estean situados.

Destaca a alta funcionalidade destes sistemas na optimización dos recursos, xa que se trata dun sistema pechado que dispensa unicamente as medicinas receitadas a cada paciente, co cal se eliminan gastos innecesarios e aumenta a seguridade ao evitar erros de dispensación. Ademais, ofrecen outras vantaxes como deixar ao persoal máis tempo para a atención ao paciente e a posibilidade de controlar en tempo real os niveis de inventario.

Respecto das camas de hospitalización que se mercarán, valorarase que teñan alarma de ángulo de cabeceiro no caso das destinadas a pacientes de alta complexidade; tamén que durante as manobras de subida e baixada das varandas o desprazamento lateral das mesmas sexa mínimo; que permitan movemento de lateralización, ademais da compatibilidade de todas elas con limpeza ao vapor; así como que dispoñan de soporte para a incorporación de paciente, extraíble e regulable en altura.

No que atinxe ás camas de críticos valorarase, entre outras prestacións, que dispoñan de módulos terapéuticos programables e de alarma acústica de ángulo de respaldo configurable para realización de protocolos de “Pneumonía 0”.

Polo que se refire ás cadeiras de brazos de paciente, valorarase o sistema de rodadura, a densidade do recheo, o ángulo de regulación do respaldo, o peso máximo soportado, así como a incorporación de bandexa auxiliar e de soporte para bolsa de drenaxe.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 5 de xuño para presentar as súas ofertas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2025