O Servizo Galego de Saúde impulsa un proxecto piloto para crear espazos individualizados de atención á cidadanía nos centros de saúde e reforzar así a confidencialidade dos usuarios
As intervencións, que se levarán a cabo nos centros de saúde de Ordes, Os Rosales (A Coruña), Pontedeume, A Guarda, Monforte de Lemos e Virxe da Peregrina (Pontevedra), supoñen unha transformación dos espazos de atención administrativa
O proxecto prioriza a atención personalizada mediante a substitución dos tradicionais mostradores por cabinas acristaladas que favorecerán un entorno máis próximo, personalizado e respectuoso coa intimidade das persoas
Cun investimento próximo ao millón de euros, a iniciativa busca reforzar a confidencialidade dos usuarios e adaptarse ao novo modelo organizativo dos profesionais administrativos
Unha vez se acometan as obras e se constante a efectividade das actuacións, avaliarase a posibilidade de estendela a outros centros de atención primaria
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026
O Servizo Galego de Saúde está a impulsar un proxecto de mellora da calidade da atención á cidadanía para favorecer a privacidade dos seus usuarios coa posta en marcha dun proxecto piloto de humanización nas áreas administrativas de seis centros de saúde, creando espazos individualizados de atención.
Cun investimento próximo ao millón de euros, o proxecto ten como obxectivo optimizar a atención personalizada dos pacientes mediante a substitución dos tradicionais mostradores por cabinas acristaladas que favorezan a confidencialidade da información e das xestións realizadas polos pacientes.
Deste xeito, estes postos de atención individualizada suporán unha transformación profunda dos espazos de atención administrativa, dando lugar a un modelo máis próximo, seguro e funcional.
A iniciativa testarase de xeito inicial en seis centros de atención primaria, onde se impulsan as obras de humanización: en Ordes, Os Rosales (A Coruña), Pontedeume, A Guarda, Monforte de Lemos e Virxe da Peregrina (Pontevedra). Actualmente estanse a levar a cabo xa as actuacións de humanización nos centros de saúde de Ordes e Os Rosais, na Coruña, prevéndose que estean finalizadas este verán.
Unha vez se acometan as obras e se constate a efectividade destas actuacións, o Executivo galego avaliará a posibilidade de estender a dita medida a outros centros de atención primaria.
Enmarcada na Estratexia de humanización dos centros de saúde, a mellora das áreas administrativas permitirá ofrecer unha atención máis próxima, personalizada e respectuosa coa intimidade das persoas. Así mesmo, contribuirá a adaptar o traballo dos profesionais administrativos ao novo modelo organizativo da atención primaria.
Nun contexto no que o persoal administrativo asume un papel cada vez máis activo e autónomo na xestión da demanda asistencial (con axendas propias e maior autonomía), é preciso contar con espazos adaptados ás súas novas funcións, facilitando a atención centrada na persoa, mellorando a comunicación e optimizando o desenvolvemento das tarefas en condicións de privacidade, confort e eficiencia.
Con esta iniciativa, o Servizo Galego de Saúde continúa avanzando na modernización do primeiro nivel asistencial, promovendo espazos máis humanizados e adaptados ás necesidades actuais de usuarios e profesionais.