O presidente asistiu á inauguración da nova sede da empresa especializada na fabricación de mobiliario de cociña, sita en Santiago de Compostela

Rueda salienta o modelo empresarial de Santos como exemplo da Galicia innovadora e comprometida

Destaca o labor da compañía, baseado na profesionalización, na sustentabilidade, na innovación e na internacionalización, sen renunciar ás súas raíces

Reafirma o compromiso da Xunta co impulso da industria e o emprendemento

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración da nova sede de Santos Equipamento de Interiores, onde puxo en valor o percorrido e a consolidación desta empresa como referente do tecido empresarial galego. O xefe do Executivo autonómico destacou que a nova sede constitúe unha celebración do modelo de éxito que representa a Galicia: innovadora, sustentable, competitiva e con forte compromiso co territorio: “Cando dis Galicia Calidade e hai argumentos para sostelo, enseguida a xente engancha. E cando dis Santos, dis Calidade”, apuntou o presidente.

Rueda subliñou a traxectoria exemplar de Santos, unha empresa nacida hai máis de 60 anos nun obradoiro en Boqueixón e que soubo medrar mantendo o seu carácter familiar. Hoxe constitúe un referente nacional e internacional no deseño de mobiliario de cociña e equipamento de interiores, sen renunciar ás súas raíces e apostando pola calidade e a identidade propia como sinal distintiva: “Podendo escoller moitísimos sitios, decidistes manter aquí as raíces. Onde crecestes, onde vos coñecen. E nós debemos acompañarvos en todo o que sexa necesario”, destacou.

Rueda reafirmou o compromiso da Xunta co impulso da industria e o emprendemento, “para resolver os problemas reais que ten a xente”. O Goberno galego traballa, neste sentido, a través de tres eixos fundamentais: a creación cun marco normativo e administrativo favorable, unha estratexia industrial centrada en sectores tractores, e un modelo territorial equilibrado que favoreza o emprego e a actividade no rural.

O titular do Goberno galego salientou o traballo do equipo de Santos como exemplo de compromiso, dedicación e visión de futuro, e puxo énfase en que, cando unha empresa galega avanza, tamén avanza o conxunto da Comunidade, reiterando o apoio da Xunta como unha Administración aliada a carón do tecido empresarial: ·”Oxalá que todos os proxectos de expansión sexan unha realidade canto antes, e oxalá que poidades seguir durante moitísimo tempo, e que a xente poda seguir dicindo que a calidade de Santos sigue sendo a mesma”, rematou o presidente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2025