A Xunta apoia con 30.000 euros a protección dos espazos naturais que rodean a ermida de Nosa Señora da Lanzada
As axudas con este fin beneficiaron a nove concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 215.000 euros
O investimento permitiu instalar un valado que protexe as zonas naturais que rodean o acceso á ermida
Sanxenxo (Pontevedra), 22 de maio de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, o resultado dos traballos de mellora dos accesos e protección do litoral que se levaron a cabo na zona da Lanzada, en Sanxenxo, grazas a unha axuda da Xunta de 30.000 euros.
Trátase dunha axuda destinada a estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural da rede Natura 2000. O concello de Sanxenxo, que conta con máis de 300 hectáreas de territorio dentro desta rede, utilizou esta achega para instalar un valado na zona próxima á Ermida de Nosa Señora da Lanzada, que protexe parte do espazo natural, facilitando que veciños e turistas accedan á ermida polo camiño designado e protexendo os espazos naturais que a rodean.
Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a nove concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 215.000 euros. Na comarca do Salnés, ademais de Sanxenxo, tamén recibiron achegas os concellos do Grove e da Illa de Arousa.
O delegado territorial aproveitou a visita para destacar a labor que se está a levar a cabo dende a Xunta e o “compromiso do goberno galego coa protección e conservación das areas naturais”. Neste sentido, Reguera lembrou que “máis alá dos servizos, da cultura e do patrimonio, a natureza continúa a ser un dos principais atractivos de Galicia e temos que mantelo porque é parte da nosa identidade, pero tamén porque é un activo importantísimo para a economía galega”.