O conselleiro de Sanidade, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, interveu no acto de inauguración da XXXVI Reunión Anual da Sociedade Oncolóxica de Galicia

Gómez Caamaño subliña a aposta de Galicia por erixirse en referencia na xestión do cancro desde a prevención e os tratamentos máis avanzados

O titular da carteira sanitaria pon en valor a Estratexia do Cancro, folla de ruta da Xunta para abordar a enfermidade desde a prevención, os diagnósticos temperáns e os tratamentos de precisión

Subliña a importancia do Proxecto Xenoma, unha iniciativa única de investigación que realizará o xenotipado de 400.000 galegos para identificar os riscos de certas enfermidades e adoptar medidas preventivas

Remarca os programas de cribado postos en marcha polo Goberno galego, como o de mama, colon e cérvix ou os proxectos piloto de cancro de próstata e pulmón

Salienta que o Centro de Produción de Terapias Avanzadas e o Centro de Protonterapia situarán a comunidade á vangarda do Estado

Sanxenxo (Pontevedra), 23 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliña a aposta de Galicia por erixirse en referencia na xestión do cancro desde o impulso á prevención e aos tratamentos máis avanzados.

O conselleiro, acompañado do director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, inaugurou a XXXVI Reunión Anual da Sociedade Oncolóxica de Galicia.

Neste acto, Gómez Caamaño puxo en valor a Estratexia de Xestión do Cancro, folla de ruta da Xunta para abordar a enfermidade desde a prevención, os diagnósticos temperáns e os tratamentos de precisión. Ademais, subliñou o programa asistencial para facer un seguimento das persoas que xa pasaron por esta enfermidade.

Grazas á Estratexia de Oncoloxía de Precisión, a Xunta está a impulsar o diagnóstico molecular e o acceso a terapias innovadoras. A tal fin, o Comité Molecular de Tumores ofrece o seu apoio na toma de decisións clínicas ou na avaliación de casos complexos.

O conselleiro puxo en valor o Proxecto Xenoma, unha iniciativa de investigación que realizará o xenotipado de 400.000 galegos para identificar o risco de enfermidades como o cancro de ovario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar e adoptar medidas preventivas. Tamén destacou o proxecto de cancro de mama baseado na personalización do risco, Mamorisk, que está a liderar Galicia.

Outras ferramentas que fan que Galicia sexa punteira no campo da oncoloxía son os avances na medicina preventiva por medio de pilotaxes dos cribados de cancro de pulmón, na área Coruña, e de próstata, na área de Ferrol, que se suman aos programas xa consolidados de prevención do cancro de cérvix, de mama e de colon.

Subliñou, así mesmo, o Rexistro Galego de Tumores, instrumento co que conta a Xunta para identificar dunha maneira detallada os tumores diagnosticados na poboación.

Tratamentos innovadores

Gómez Caamaño referiuse a que Galicia conta cun Centro de Produción de Terapias Avanzadas que posibilita dar un salto cualitativo na atención personalizada dos enfermos de cancro.

Ademais, a Xunta está traballar para a posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia, primeiro de España, que atenderá pacientes de Galicia, Asturias e Castela-León.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro referiu que a incorporación de avances e a innovación en técnicas diagnósticas é importante, pero a peza fundamental son os excelentes profesionais cos que conta a sanidade pública galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2025