Fabiola García inaugura o novo centro de día ‘Madre Rosario’ en Gondomar, que ofertará 40 prazas

O centro conta con instalacións de vangarda para a atención das persoas maiores e dará servizo aos concellos da contorna

A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que este novo recurso permitirá aos usuarios recibir unha atención de calidade sen renunciar a vivir no seu fogar

Gondomar (Pontevedra), 23 de maio de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, inaugurou o novo centro de día Madre Rosario en Gondomar, impulsado pola orde das Misioneras de María Mediadora. Trátase dun recurso de atención diúrna que conta con 40 prazas.

Fabiola García sinalou que este novo centro conta cunhas instalacións de vangarda específicas para a atención das persoas maiores. O obxectivo é que este novo recurso dea servizo aos demais concellos da contorna e que permita aos usuarios recibir unha atención de calidade sen renunciar a vivir no seu fogar. Ademais, fixo fincapé en que se trata dunha mellora tamén para as familias, que facilitará a súa conciliación.

A conselleira agradeceu o labor que desenvolve esta congregación na contorna desde hai décadas e que agora suma un novo servizo. Neste sentido, lembrou que a entidade conta tamén coa escola infantil San José, que atende a 300 cativos da zona, e que se sitúa ao carón deste novo centro de día. Deste xeito, avanzou que a conexión destes dous servizos será moi beneficiosa para fomentar a convivencia interxeracional entre os maiores e os nenos.

Ademais, Fabiola García trasladou o compromiso da Xunta para seguir avanzando na atención e no coidado das persoas que máis o precisan, tendendo sempre a man ás entidades sociais como esta, Misioneras de María Mediadora, que contribúen cada día a facer unha Galicia máis xusta e solidaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/05/2025