A Xunta abre o sistema de citas para vacinar fronte ao virus do papiloma humano máis de 24.000 varóns menores de 21 anos

A Consellería de Sanidade amplía de novo o rango de idade da poboación diana masculina para vacinarse fronte ao VPH, elevándoa dos 18 ata os 21 anos

A vacina tamén se administra de forma sistemática aos menores de ambos os sexos ao cumpriren os 12 anos de idade

As persoas que desexen vacinarse fronte ao virus do papiloma humano poderán solicitar a súa cita a través da aplicación Sergas Móbil ou chamando ao seu centro de saúde

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2025

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, vén de abrir o sistema de citación para que máis de 24.000 varóns nados nos anos 2004 e 2005 poidan vacinarse fronte ao virus do papiloma humano (VPH), tras a ampliación do rango de idade da poboación diana masculina, que pasa dos 18 aos 21 anos.

A vacinación é a medida máis efectiva para previr esta enfermidade. No calendario galego de inmunización para toda a vida tamén está incluída a súa administración sistemática para os menores de ambos os sexos ao cumpriren os 12 anos de idade.

Así, desde a xornada de hoxe, a Xunta habilita a posibilidade de pedir cita para vacinarse fronte ao VPH aos máis de 24.000 homes nados nos anos 2004 e 2005.

Dun xeito desagregado, e atendendo á distribución por provincias, poderán solicitar a súa cita para vacinarse un total de 10.118 mozos da provincia da Coruña; 2.417 da provincia de Lugo; 2.334 de Ourense; e 9.210 mozos da provincia de Pontevedra.

O virus do papiloma humano (VPH) transmítese fundamentalmente por contacto sexual. Así, con esta medida preténdese diminuír a incidencia en nenos de cancros orofarínxeos, anais e de pene causados polos tipos de VPH oncoxénicos contidos na vacina e de verrugas xenitais causadas polos tipos non oncoxénicos. En nenas, indirectamente, contribuirá a reducir a aparición de lesións precancerosas e cancros de cérvix, vulva e vaxina.

As persoas que desexen vacinarse fronte ao virus do papiloma humano poderán solicitar a súa cita a través da aplicación Sergas Móbil ou ben chamando ao seu centro de saúde.

Data de actualización: 26/05/2025