O conselleiro de Sanidade, acompañado do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez, inaugurou hoxe a xornada formativa organizada con motivo do Día Internacional das Urxencias e as Emerxencias
Gómez Caamaño pon en valor a resposta sanitaria áxil, eficaz e próxima que ofrece o 061, que no que vai de ano atendeu máis de 438.000 chamadas e mobilizou máis de 128.000 recursos asistenciais
Destaca a relevancia do Código Anafilaxia na asistencia a pacientes con reaccións alérxicas graves, así como o Programa Alerta Escolar, no cal están rexistrados máis de 9.400 escolares para facilitar unha intervención inmediata do 061
Subliña a importancia da formación continuada dos profesionais de urxencias e emerxencias en cuestións como a asistencia en afogamentos ou as intoxicacións por novas drogas de deseño
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 conta co selo de calidade EFQM+600, unha acreditación coa que só contan 13 institucións sanitarias en España
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor a resposta áxil, eficaz e próxima á cidadanía que ofrece o 061, que no que vai de ano atendeu xa máis e 438.000 chamadas e mobilizou 128.000 recursos asistenciais.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, interveu na inauguración da XVII Xornada da urxencia e a emerxencia celebrada no edificio administrativo de San Lázaro. No acto, organizado con motivo da celebración, hoxe, do Día Internacional das Urxencias e as Emerxencias, tamén participou o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Román Gómez.
O conselleiro de Sanidade remarcou a importancia da formación continuada para os profesionais que atenden urxencias e emerxencias, sinalando a relevancia dos asuntos elixidos para a xornada, como a asistencia nos afogamentos e queimaduras ou as intoxicacións por substancias de abuso como novas drogas de deseño ou cuestións legais vencelladas ás intoxicacións de menores.
Gómez Caamaño fixo referencia a iniciativas de éxito postas en marcha pola sanidade pública como o Código Anafilaxia, protocolo para recoñecer os signos de reaccións alérxicas graves para priorizar os coidados e axilizar o traslado dos pacientes ao hospital. Actualmente hai máis de 500 persoas inscritas neste protocolo e o ano pasado permitiu atender 106 pacientes.
Do mesmo xeito, o Programa Alerta Escolar facilita, entre outros, o rexistro de nenas e nenos alérxicos nos servizos de emerxencias e proporciona formación ao persoal educativo para recoñecer e saber actuar ante posibles reaccións anafilácticas. Na actualidade, son máis de 9.400 os rapaces inscritos neste programa (5.000 deles padecen alerxias) para que o 061 poida realizar unha intervención inmediata.
Os preto de 300 traballadores da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 prestan atención as 24 horas do día e os 365 días do ano. No que vai de 2025, foron asistidos máis de 3.400 accidentes de tráfico e atendéronse 174 incidentes de múltiples vítimas.
A calidade do servizo do 061 foi recoñecida recentemente co selo EFQM+600, a máxima distinción internacional coa que se recoñece a organizacións con mellor desempeño dunha xestión de calidade. En España, só existen 13 institucións sanitarias con esta acreditación.