Mañá, 28 de maio, celébrase o Día de Acción pola Saúde das Mulleres

A Xunta pon en marcha o proxecto Muller Hoxe co obxectivo de personalizar e mellorar a atención sanitaria con perspectiva de xénero

A Consellería de Sanidade facilitará vídeos como pílulas divulgativas sobre a saúde das mulleres no referente á fertilidade, migraña, corazón, cancro de pulmón ou enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, EPOC 

A iniciativa ten por obxectivo sensibilizar os profesionais sanitarios sobre as diferenzas existentes no eido da saúde en función do sexo

Ademais da bioloxía, abordarase tamén a influencia de factores sociais e culturais

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025

A Consellería de Sanidade pon en marcha, coincidindo co Día de Acción pola Saúde das Mulleres que se celebra o 28 de maio, o proxecto Muller Hoxe. Por un día a día mellor e máis saudable para todas as mulleres

Esta iniciativa, busca sensibilizar o persoal da sanidade pública sobre as diferenzas existentes no eido da saúde en función do sexo, promovendo así unha resposta máis axeitada ás necesidades específicas das mulleres. 

No marco do proxecto, procurarase dar visibilidade a esta realidade escollendo cada mes un Día Mundial da Saúde como eixo temático, co fin de centrar a atención non só na enfermidade en si, senón tamén na súa manifestación diferencial segundo o sexo e nas formas específicas de abordaxe que isto require. 

Para tal fin, está prevista a elaboración dun calendario de vídeos en formato de pílulas divulgativas, realizadas por profesionais expertos do Servizo Galego de Saúde. Estes contidos estarán dispoñibles na plataforma interna Share, o que permitirá achegar información actualizada e especializada sobre a saúde das mulleres a todo o persoal sanitario, facilitando así o acceso á divulgación continua nun formato áxil e accesible. 

A primeira destas intervencións publicarase o 4 de xuño e estará dedicada á fertilidade. Será impartida pola doutora Ana Pereda Ríos, especialista en xinecoloxía no Hospital Teresa Herrera da Coruña. 

En setembro, o día 12 presentarase unha pílula centrada na migraña, mentres que o día 26 abordarase o tratamento das patoloxías cardiovasculares. 

Xa en outubro, a Consellería de Sanidade organizará un evento o día 2, en Santiago de Compostela, que suporá unha oportunidade para que os profesionais do Servizo Galego de Saúde compartan experiencias e coñecementos para promover un enfoque máis inclusivo e sensible ao xénero no sistema sanitario. 

En novembro, o día 17 afondarase no cancro de pulmón, e o día 19 publicarase unha nova pílula informativa sobre a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC). 

A programación concluirá o 12 de decembro cunha actividade titulada Saúde universal que servirá de peche a este ciclo divulgativo. 

Desta forma analizaranse diferenzas biolóxicas entre mulleres e homes. Como exemplos sitúase o eido cardiovascular, xa que as mulleres adoitan desenvolver enfermidades cardiovasculares entre unha e dúas décadas máis tarde ca os homes. Ademais os síntomas dun infarto de miocardio poden ser máis sutís ou pasar máis desapercibidos no caso das mulleres. 

En canto a factores socioculturais, en xeral, as mulleres amosan unha maior predisposición a buscar atención médica, aínda que socialmente acostuman a ser educadas en antepoñer as necesidades de familiares ao seu cargo ás propias. 

Data de actualización: 27/05/2025