A Xunta presenta o novo sistema para realizar a matrícula escolar a través do teléfono móbil, que facilitará o proceso ás familias e aos centros

Román Rodríguez explica que este novo sistema completa a posibilidade de facer todo o proceso de xeito telemático, aínda que quen o desexe pode optar pola vía en papel

As familias con fillos xa no sistema accederán a esta nova funcionalidade desde un enlace na aplicación Abalar Móbil

As familias de nova incorporación recibirán información a través dos colexios onde foron admitidos, dado que aínda non teñen acceso a Abalar

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025

A Xunta de Galicia vén de presentar o funcionamento do novo sistema de matrícula escolar a través do teléfono móbil, que as familias galegas poderán empregar xa en canto se abra o prazo para inscribir aos seus fillos nos colexios e institutos para o vindeiro curso 2025-26.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Amtega), Judith Fernández, deu conta desta nova vía de matrícula que se suma ás xa existentes ata o de agora e que completa a posibilidade de facer todo o proceso de admisión de xeito telemático.

Román Rodríguez subliñou que esta nova fórmula non só beneficia ás familias, senón tamén aos procesos administrativos nos centros escolares na medida en que “contribuirá a reducir a súa carga de traballo e facilitar a xestión interna”. Esta nova acción forma parte do paquete de medidas de redución da burocracia, un obxectivo recollido no Acordo de mellora do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais.

Proceso sinxelo e accesible

O proceso, que foi desenvolvido pola Amtega, é sinxelo e accesible a través de calquera navegador de internet ou de dispositivos móbiles, o que dá máis facilidades ás familias á hora de completar o proceso de matrícula dos seus fillos para todas as etapas educativas, desde Infantil ata Bacharelato e FP.

O xerente de Proxectos-Desenvolvemento de Educación da Amtega, Pedro Barreiro, foi o encargado de explicar a cuestións técnicas desta nova funcionalidade de matrícula en liña. Así pois, as familias poderán acceder a través da plataforma AdmisionAlumnado, onde se autentificarán con certificado dixital ou Chave 365. Unha vez autentificados, poderán premer na icona de matrícula onde xa aparecen precargados os datos persoais dos pais ou titores e dos alumnos, que poderán actualizar ou modificar en caso de erro. Tamén nesta plataforma, as familias poderán xa seleccionar as materias optativas do curso correspondente.

Precisamente unha das funcionalidades máis novidosas é que se poden adxuntar en liña todos os documentos requiridos que ata o de agora había que achegar fisicamente ao centro educativo. Falamos de fotocopia de DNI e de tarxeta sanitaria, fotografías do alumno, autorizacións e permisos debidamente cubertos (como de toma de imaxes, saídas do centro escolar...) ou xustificante do pago do seguro escolar, entre outros.

Ao final da operación, xérase un código de instancia de matrícula e un documento en pdf como xustificante que asegura que o trámite se completou correctamente e, ademais, as familias poden consultar cando desexen.

Pola súa banda, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou que as familias con fillos xa escolarizados poderán acceder a este novo sistema a través dun enlace dispoñible na aplicación Abalar Móbil. No caso das familias de nova incorporación, recibirán a información a través dos centros escolares onde foron admitidos os seus fillos, posto que aínda non están dentro do sistema Abalar. Neste senso, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP remitirá nos vindeiros días información detallada aos centros para que, á súa vez, lla fagan chegar ás familias antes de que comece o prazo de matrícula. O proceso tamén estará operativo desde o Portal Educativo.

Cómpre lembrar que o prazo para a formalización de matrícula nos centros escolares para o vindeiro curso é do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2025