Román Rodríguez destaca que a Xunta duplicou nos últimos anos a oferta formativa para os sectores da hostalaría e turismo e as industrias alimentarias
No encontro sectorial do Plan Conecta FP, o conselleiro de Educación e o director de Turismo de Galicia poñen en valor o gran peso destas áreas na economía galega
Máis de 5.200 alumnos cursan ciclos e másteres de Formación Profesional relacionados con estes sectores, un 40% máis ca no curso 2012/13
Oito títulos teñen unha inserción laboral superior ao 93% e catro chegan ao 100%
“O turismo e a Formación Profesional son dous ámbitos que nos últimos anos teñen unha historia de éxito en Galicia”, declara o conselleiro
O responsable de Turismo refírese á oferta formativa do CSHG e subliña que os seus titulados traballan como directivos ou cociñeiros en máis de 80 países
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, abriron hoxe o encontro do Plan Conecta FP centrado nos sectores da hostalaría e turismo e das industrias alimentarias, onde destacou que a Xunta duplicou nos últimos anos a oferta de Formación Profesional relacionada con estas actividades.
O encontro, que ten como obxectivo poñer en común as necesidades deste sector para reforzar as prazas de FP, reuniu no Centro integrado de FP Compostela un centenar de persoas entre representantes de empresas, equipos directivos e profesorado de centros que imparten ciclos relacionados con esta industria, e contou coa participou da directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.
Os representantes da Xunta salientaron o gran peso destes sectores na economía galega. Non en balde, este ano a Xunta declarou a industria alimentaria como sector estratéxico e a hostalaría e turismo representa o 13% do PIB galego e 130.000 empregos.
“O turismo e a Formación Profesional son dous ámbitos que nos últimos anos teñen unha historia de éxito en Galicia”, declarou o conselleiro. Neste sentido, subliñou que, ademais do incremento da oferta de prazas, están a desenvolverse outras accións para dotar a estas empresas do persoal cualificado que precisan para seguir medrando. Así mesmo, salientou o papel da Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría, conformada por oito centros, dos que saen profesionais excelentemente formados.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia referiuse á oferta de ensinanzas do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) que imparte o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras da Universidade de Santiago de Compostela, cuxo índice de empregabilidade está no 96% en dirección hoteleira. “Os profesionais do CSHG traballan en postos directivos e de cociñeiros en máis de 80 países”, afirmou, e resaltou “a colaboración de máis de 500 firmas hostaleiras de ámbito nacional e internacional”.
196 programas, ciclos e másteres de FP
A oferta formativa relacionada cos sectores da Hostalaría e turismo e das Industrias alimentarias distribúese en sete familias profesionais: Hostalaría e turismo, Industrias alimentarias, Servizos socioculturais e á comunidade, Imaxe persoal, Actividades físicas e deportivas, Química e Comercio e márketing. Son un total de 196 programas formativos, ciclos e másteres de FP, que se imparten en 58 centros educativos.
Un total de 5.204 estudantes están matriculados este ano nestas ensinanzas, un 40% máis ca no curso 2012/13, o que representa o 7,6% do total de alumnos da FP galega. O número de prazas duplicouse no mesmo período. Cómpre destacar tamén a gran empregabilidade, con oito titulacións que superan o 93% de inserción laboral. Catro delas rexistran mesmo pleno emprego, en concreto as de Aloxamento e lavandaría, Comercialización de produtos alimentarios, Termalismo e benestar e Vitivinicultura.
Relatorios e mesas redondas
Este encontro do Plan Conecta incluíu relatorios arredor das posibilidades da FP como vía de capacitación nos sectores abordados, así como dúas mesas redondas, nas que se afondou na acreditación de competencias e formación de persoas traballadoras no mercado laboral futuro, así como a colaboración coas empresas na FP Dual Intensiva.
Contaron coa participación de representantes do Parador da Costa da Morte, El Corte Inglés, Grupo HOTUSA, Gran Hotel Talaso Sanxenxo, Coesco Culinaria, así como de pequenas empresas, como o Café Venecia de Santiago. Asemade, interviñeron os directores dos centros integrados de FP Compostela e Carlos Oroza, Ramiro Esparís e Manuel Hermo, e unha alumna do ciclo superior de FP Dual Intensiva en Xestión de aloxamentos turísticos, Alba Piñeiro.