Román Rodríguez sinala a utilidade da Mostra de Orientación da Estrada para que o alumnado coñeza a oferta formativa galega

O conselleiro de Educación visita a feira organizada, coa colaboración da Xunta, polo Concello, os institutos IES Avelina Valladares, Antón Losada Diéguez, Manuel García Barros e o CPR Nosa Señora de Lourdes

A Estrada (Pontevedra), 28 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a III Mostra de Orientación da Estrada que se celebra na Fundación de Exposicións e Congresos do municipio. Esta cita ten como obxectivo dar a coñecer a oferta formativa coa que conta Galicia aos máis de 1.300 alumnos que se achega “para que teñan numerosas oportunidades de futuro”, sinalou Román Rodríguez.

Acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, o titular de Educación puxo en valor o traballo de toda a comunidade educativa por “orientar, axudar e abrir novos camiños aos estudantes, preparándoos así para o futuro”, e agradeceu o labor dos centros implicados nesta terceira edición da iniciativa. A mostra está organizada, coa colaboración da Xunta, polo Concello da Estrada e os institutos IES Avelina Valladares, IES Antón Losada Diéguez, IES Manuel García Barros e o CPR Nosa Señora de Lourdes.

Neste sentido, o representante do Goberno galego puxo en valor a colaboración entre institucións e a implicación dos centros educativos para amosar “o seu traballo diario dunha maneira dinámica e orientar aos adultos do futuro”. Ademais, sinalou a utilidade desta feira e da nova iniciativa Galicia Educa que agrupa diferentes mostras en toda a Comunidade, “para que o alumnado coñeza a nosa oferta formativa”.

Entidades participantes

Na III Mostra de Orientación da Estrada participan un total de 27 entidades con expositores informativos e interactivos, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas, un stand da Xunta de Formación Profesional, ensinanzas de réxime especial, a rede de Escolas de artes e superior de deseño de Galicia, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia e os institutos IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), IES Manuel García Barros (A Estrada), IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), IES Laxeiro (Lalín), IES Pintor Colmeiro (Silleda) e IES de Vilamarín, así como a Policía Local, a Garda Civil e outras institucións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2025