A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas María M. Allegue, presidiu hoxe unha nova reunión do consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia

A Xunta autoriza a adxudicación da redacción de proxectos e dirección de obra de 119 novas vivendas de promoción pública en Vigo e Ferrol

En Vigo serán 44 vivendas de promoción pública nas parcelas M-IIIB-16 e M-IIIB-18

En Ferrol construiranse 75 novas vivendas na parcela 10 de O Bertón

Santiago de Compostela 28 de maio de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presidiu hoxe unha nova reunión do Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) na que se autorizou a adxudicación dos contratos de redacción de proxecto e dirección de obra para a construción de dous grupos de vivendas de promoción pública en Vigo e Ferrol.

En Vigo, Vipugal adxudicará a Irisarri-Piñera S.L.P. o contrato para a redacción do proxecto e dirección de obra de 44 vivendas de promoción pública que se edificarán nas parcelas M-IIIB-16 e M-IIIB-18 de San Paio de Navia. O importe da adxudicación será de 411.180,46 euros.

Polo que respecta a Ferrol, a redacción do proxecto e dirección de obra para a construción de 75 vivendas de promoción pública na parcela 10 de O Bertón será adxudicada á UTE Bertón 10, formada por Abalo Arquitectura e Ingeniería S.L., G. Cabanillas Arquitectos S.L. 3 Manuel Vázquez Muiño. O importe de adxudicación será de 393.976 euros, IVE incluído.

Nos dous casos, os adxudicatarios contarán cun prazo de dous meses para a redacción do proxecto básico e tres máis para o de execución. A dirección de obra prologarase o tempo que dure a mesma.

Con estas licitacións a Xunta avanza no compromiso de duplicar o parque de vivendas públicas, acadando as 8.000 na presente lexislatura. Actualmente son máis de 2.200 vivendas de nova construción as que están en diversas fases de execución.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/05/2025