Preto de 2.300 escolares participaron este curso no programa educativo ‘O parque nacional coa escola’

O alumnado e profesorado que interveu nesta acción pertence a 124 de 29 centros educativos dos catro concellos da área de influencia do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: Bueu, Cangas, Ribeira e Vigo

Entre as actividades propostas para achegarse á riqueza medioambiental dos catro arquipélagos que conforman este espazo natural estaba un concurso para que a cativada presentase proxectos creativos sobre este espazo natural

Estas propostas están expostas no Centro de Visitantes de Vigo ata o vindeiro 30 de xuño e as 14 aulas gañadoras tiveron como premio unha ruta especial co equipo de guías do Parque Nacional da que xa desfrutaron ao longo deste mes

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2025

O programa educativo O Parque Nacional coa Escola contou este curso 2024-2025 coa participación de preto de 2.300 persoas entre alumnado e profesorado dos catro concellos -Bueu, Cangas, Ribeira e Vigo- da área de influencia do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Os escolares -dun total de 124 aulas de 29 centros educativos- tiveron a oportunidade de achegarse aos valores e a riqueza medioambiental dos catro arquipélagos que conforman este espazo natural: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Entre as actividades desenvolvidas ao abeiro desta acción formativa -que vai desde outubro ata abril-, o Parque Nacional convidou ás escolas e grupos inscritos a participar nun concurso para reflectir o aprendido durante as distintas accións. Con esta iniciativa buscábase afondar no coñecemento das paisaxes e seres vivos presentes nas illas, implicar ao alumnado na conservación da súa contorna máis próxima e promover a participación da cativada en procesos creativos compartidos.

As aulas que se anotaron puideron optar entre distintas opcións en función da idade das alumnas e alumnos: un móbil colgante para as aulas de Infantil e de 1º de Primaria, un traballo manual (como unha maqueta ou un mural) relacionado coa conservación das illas para 2º e 3º de Primaria e o deseño dun xogo de mesa (non dixital) sobre os distintos arquipélagos para os cursos de 4º, 5º e 6º de Primaria.

Os traballos presentados reflicten unha gran creatividade, interese polos contidos e dedicación das nenas e nenos participantes pois houbo propostas moi variadas como maquetas das illas, proxectos de escape room, murais creativos e xogos de mesa de cartas ou con taboleiro. De feito, as creacións das aulas participantes están expostas ata o vindeiro 30 de xuño no Centro de Visitantes do Parque Nacional en Vigo en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,30 a 20,00 horas.

As 14 aulas gañadoras ou con mencións especiais na edición deste curso corresponderon aos seguintes centros educativos, os catro de Vigo: o CEP Dr. Fleming (os cursos 3ºA, 3ºB, 3ºC, 3ºD, 6ºB, 6ºC e 6ºD), o CEIP Vicente Risco (os cursos de Infantil), o CEIP O Pombal (1ºA, 1ºB, 6ºA e 6ºB) e o CEIP A Doblada (5ºA e 5ºB).

O premio aos traballos galardoados consistiu nunha ruta especial co equipo de guías do Parque Nacional na que, a través dos contidos estudados no programa, a cativada puido desfrutar dunha xornada nas illas. Neste caso, o arquipélago elixido polos centros educativos para realizar as visitas -feitas xa durante este mes- foi Cíes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2025