O Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo acolle durante tres días o XX Congreso Nacional e VI Congreso Internacional da Sociedade Española de Enfermería oncolóxica
Sanidade destaca o papel esencial dos profesionais de enfermería oncolóxica nos cribados poboacionais de cancro que promove a Xunta
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade avoga por progresar cara a unha enfermería avanzada, con capacidade de decisión, autonomía clínica e unha visión integral do paciente
Destaca a aposta da Xunta pola prevención, o tratamento e a investigación vencellada ao eido oncolóxico
Vigo acolle a especialistas chegados de todo o territorio nacional para abordar as últimas novidades en relación á enfermería oncolóxica
Vigo, 28 de maio de 2025
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, participou esta tarde na inauguración do XX Congreso Nacional e IV Congreso Internacional da Sociedade Española de Enfermería Oncolóxica, un acto no que reivindicou o papel esencial do persoal de enfermería no programa de cribados poboacionais da Xunta de Galicia.
Durante os vindeiros tres días, o Auditorio Palacio de Congresos Mar de Vigo acolle a especialistas nacionais do ámbito da enfermería oncolóxica para abordar as últimas novidades xurdidas ao redor deste ámbito sanitario. Así, a xenética, as etapas oncohematolóxicas, os diferentes cribados de cancro ou os seus tratamentos serán algúns dos asuntos que se analizarán no marco deste encontro.
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria salientou a necesidade de apostar por unha “enfermería avanzada, con capacidade de decisión, autonomía clínica e unha visión integral do paciente”.
Nesta liña, puxo en valor a importancia de que Galicia conte coa súa propia Estratexia para a Atención do Cancro 2022-2028. Trátase da folla de ruta da Xunta neste ámbito que ten por obxectivo minorar a incidencia no cancro na poboación galega, así como mellorar a calidade de vida das persoas que o padecen, apostando pola innovación clínica, a tecnoloxía e a investigación.
“Galicia é xa un referente na abordaxe do cancro”, subliñou López Linares, remarcando que a comunidade galega conta xa cun Centro de Produción de terapias avanzadas (Car-T), a futura posta en marcha do Centro de Protonterapia ou o ambicioso proxecto Xenoma Galicia, que contribuirá a identificar as variantes xenéticas de risco vencelladas ao cancro.
“Todo isto é posible porque contamos con profesionais coma vós, con vocación, con formación e un compromiso que transcende ao clínico”, concluíu a responsable da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.