A Xunta apoia ao Club de Mar Ferrol na organización da I Regata de vela-cruceiro en augas da ría ferrolá
A delegada territorial, Martina Aneiros, participou esta mañá no peirao de Curuxeiras na presentación do evento incluído no calendario oficial da Federación Galega de Vela
Ferrol, 29 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da I Regata Cidade de Ferrol de vela que terá lugar esta fin de semana en augas da ría ferrolá co apoio da Xunta de Galicia.
A cita, organizada polo Club de Mar Ferrol e incluída no calendario oficial da Federación Galega de Vela, disputarase na modalidade de vela cruceiro en dúas etapas: o sábado e domingo. Ata o de agora hai 24 barcos rexistrados aínda que se estima que podan chegar á trintena xa que o prazo de inscrición non remata ata mañá.
Na súa intervención, a delegada territorial destacou a oportunidade que eventos coma este supoñen para poñer en valor o potencial náutico, deportivo e turístico da zona “xa que non só achegará deporte de alto nivel, senón que tamén servirá para dinamizar a cidade, atraer visitantes e consolidar a imaxe de Ferrol como un destino de referencia no ámbito turístico e dos deportes náuticos”, sinalou.
Ademais da competición náutica, o evento estará amenizado con pinchos, música e agasallos que terán lugar na Sala Curuxeiras ao finalizar cada unha das xornadas.