A Xunta licita por 5,1 M€ o servizo de limpeza dos centros de saúde e puntos de atención continuada da área sanitaria da Coruña e Cee
O contrato prevé a limpeza dunha superficie global de máis de 57.000 m²
O Servizo Galego de Saúde precisa garantir os niveis de calidade, especialización, supervisión, coordinación e xestión do proceso de limpeza, acordes coa importancia do propio proceso de atención sanitaria
O período de vixencia do contrato será de dous anos, coa posibilidade de ser prorrogado por 12 meses máis
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 3 de xullo para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2025
A Xunta publica hoxe no Portal de Contratos de Galicia a licitación, por importe de 5.187.284 euros e un período de dous anos, do servizo de limpeza dos centros de saúde e puntos de atención continuada dependentes da área sanitaria da Coruña e Cee.
O contrato prevé a posibilidade de prórroga por 12 meses máis. Neste caso, o valor estimado do contrato elévase aos 7.287.920 euros.
A superficie total para limpar recollida no contrato nos distintos centros supera os 57.000 metros cadrados.
O servizo de limpeza abrangue os exteriores e interiores dos inmobles e todas as súas dependencias, que inclúen locais, patios interiores, azoteas, aparcadoiros, xardíns, ascensores, cristais, oficinas, etc. Tamén inclúe a recollida e evacuación de residuos ata os lugares indicados pola xerencia da área sanitaria e o transporte, recollida e distribución da roupa sucia e a distribución en cada centro da roupa limpa.
O número estimado de horas anuais necesarias para a prestación do servizo en todos os centros establécese nun máximo de 119.629 horas.
As empresas interesadas nesta contratación presentarán nas súas ofertas o número de horas anuais efectivas que propoñen para a realización do servizo en cada centro e o seu detalle por días, quendas e áreas. A prestación do servizo deberá axustarse aos horarios de cada centro, e débese garantir a correcta prestación do servizo en todas as unidades de cada un deses centros.
O empresario disporá de toda a maquinaria necesaria para realizar con eficacia os servizos encomendados.
Con este investimento, o Servizo Galego de Saúde garantirá os niveis de calidade, especialización, supervisión, coordinación e xestión do proceso de limpeza, acordes coa importancia do propio proceso de saúde que se leva a cabo nos centros sanitarios onde se van desenvolver os servizos obxecto da contratación, permitindo a correcta prestación asistencial aos pacientes e usuarios do sistema público de saúde.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 3 de xullo para presentar as súas ofertas.