O conselleiro de Sanidade, xunto coa xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, participou na inauguración do XXXIV Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía

Gómez Caamaño destaca o avance na cirurxía urolóxica acadado cos robots Da Vinci, que sitúan Galicia na vangarda tecnolóxica neste eido

A uroloxía, con preto do 40 % das intervencións realizadas con Da Vinci, é a especialidade con maior número de operacións robóticas

Ferrol, 30 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe o avance que supuxo para a cirurxía urolóxica a incorporación dos robots da Vinci nos hospitais públicos, que sitúan o Servizo Galego de Saúde na vangarda tecnolóxica nesta especialidade.

O conselleiro, acompañado da xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, interveu na inauguración do XXXIV Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía celebrado esta tarde na sede Afundación da cidade departamental.

A uroloxía representa actualmente preto do 40 % das intervencións realizadas con robots Da Vinci, a especialidade con maior número de operacións robóticas.

Gómez Caamaño salientou, ademais, a relevancia do programa piloto de cribado de cancro de próstata que o pasado ano se puxo en marcha na área de Ferrol. Este proxecto piloto de detección precoz ten como obxectivo chegar a 12.000 homes de 50 a 69 anos.

O conselleiro de Sanidade adiantou tamén que a Xunta traballa en introducir a intelixencia artificial no diagnóstico de enfermidades urolóxicas para aumentar a precisión e reducir o tempo na detección de lesións malignas.

Como elemento clave, Gómez Caamaño apelou á concienciación da poboación masculina sobre o seu autocoidado e a romper tabús.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2025