A Xunta comeza a vacinar fronte a gonorrea á poboación con alto risco de contraer esta infección de transmisión sexual
Desde a xornada de hoxe, a Consellería de Sanidade administrará esta vacina a persoas menores de 65 anos con alto risco de contraer esta infección de transmisión sexual
Na actualidade non existe unha vacina específica fronte ao gonococo pero a evidencia científica ratifica a protección cruzada que ofrece a vacina 4CmenB empregada para protexer a poboación da meninxite B
Preto de 10.000 persoas poderán protexerse dunha enfermidade que está a incrementar a súa incidencia anual en Galicia e nos países da contorna
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025
A Xunta comeza hoxe a vacinar fronte ao gonococo á poboación menor de 65 anos con alto risco de contraer esta infección de transmisión sexual. Así, o departamento sanitario galego protexerá de forma pioneira á poboación fronte á gonorrea cunha vacina destinada á inmunización da meninxite B.
Segundo os datos da Consellería de Sanidade a poboación diana que se estima achégase ás 10.000 persoas.
En concreto, a vacina 4CMenB administrarase no momento do diagnóstico dunha infección de transmisión sexual de relevancia epidemiolóxica (clamidia, mpox, treponema pallidum, gonorrea e VIH) e tamén a aquelas persoas que teñan un diagnóstico recente (nos 12 meses previos).
Do mesmo xeito, vacinarase ás persoas que recibiron profilaxe fronte ao VIH ou outra infección de transmisión sexual, pre ou post exposición en varias ocasións no último ano; e tamén cando haxa sospeita clínica de gonococia aínda que non se faga un diagnóstico etiolóxico.
Por último, serán susceptibles de ser vacinadas fronte ao gonococo as persoas con antecedentes de dúas ou máis ITS (excluíndo a infección por VPH) nos últimos 5 anos.
A Consellería de Sanidade adopta esta decisión tras observar como se está a incrementar a incidencia anual gonococia na comunidade galega e nos países da contorna.
Protección cruzada fronte ao gonococo
Na actualidade, malia non existir unha vacina específica para facer fronte ao gonococo, a evidencia científica ratifica a protección cruzada que ofrece a vacina 4CmenB empregada para protexer a poboación da Neisseria meninxite do serogrupo B. As bacterias que provocan ambas as enfermidades están estreitamente relacionadas xeneticamente ao pertencer ao mesmo xénero (Neisseria) e contar cunha homoloxía de secuencia próxima ao 90 %.
Así, entidades de recoñecido prestixio científico, como é o caso da Joint Committee on Vaccination and Immunisation (JCVI) recomendan o emprego desta vacina debido á súa composición.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) salienta a necesidade crítica de acadar unha vacina específica contra a gonorrea. Aínda que en varios ensaios clínicos se exploraron distintos enfoques para lograla ata o de agora aínda non se conseguiu.
A Neisseria gonorrhoeae (gonococo) é un patóxeno humano obrigado (o único reservorio é o ser humano) causante da gonorrea, unha infección de transmisión sexual con máis de 82 millóns de casos en todo o mundo en 2020.
Co obxectivo de previr a súa aparición, romper a cadea de transmisión e dobregar a taxa de infeccións gonocócicas, a Xunta traballará para acadar altas coberturas de vacinación, acompañando esta iniciativa dunha importante campaña de comunicación na que se fomentará a vacinación, o seu diagnóstico precoz e as prácticas sexuais seguras.
Máis información na páxina web da Consellería de Sanidade no Programa Galego de Vacinación https://www.sergas.gal/Saude-publica/PGV