Román Rodríguez celebra a implicación dos escolares na quinta edición do Congreso Educods de Tui

O conselleiro visita a feira que reúne durante dous días a máis de vinte centros da zona

 Tui (Pontevedra), 3 de xuño de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou na inauguración do V Congreso Educativo EducODS 2030 que se celebra en Tui e que reúne durante dous días a máis de vinte colexios e institutos para compartir proxectos, experiencias e boas prácticas co obxectivo de fomentar unha educación comprometida coa sustentabilidade.

Román Rodríguez, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, salientou estas iniciativas como “espazos clave para dar a coñecer os traballos do alumnado e a ampla oferta formativa dispoñible”. Subliñou, ademais, o valor da colaboración entre institucións e centros para mostrar de forma dinámica a implicación dos estudantes cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O titular de Educación da Xunta agradeceu tamén o labor de toda a comunidade educativa da comarca implicada na organización da feira, e destacou “o esforzo por axudar ao alumnado a descubrir novos camiños e prepararse para o futuro profesional”.

A mostra está organizada polo Colexio CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, en colaboración coa Xunta, dentro do calendario Galicia Educa, unha rede de 17 feiras que se desenvolven este curso para reforzar a orientación vocacional e visibilizar o traballo dos centros.

Centros participantes

Participan no congreso os colexios CEIP Pazos de Reis (Pontevedra), CEIP Plurilingüe Nº2 (Tui), CEIP Plurilingüe da Ribeira (O Porriño), CEIP Balaídos (Vigo), CEIP Pintor Antonio Fernández (Tomiño), CEIP Plurilingüe Nº1 (Tui), CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán (Tomiño), CPR Plurilingüe Monterrey (Vigo), Seminario Menor de Tui, Centro de Educación Especial CEE de Panxón (Nigrán) e o Colexio Rural Agrupado CRA Mestra Clara Torres (Tui); os institutos IES San Paio (Tui), IES Indalecio Pérez Tizón (Tui), IES Valadares (Vigo) e IES Castelao (Vigo); a Asociación de Apoio a Persoas con Diversidade Intelectual - Aceesca (Pontevedra) e a Escola da Banda de Música Popular e o Conservatorio Profesional de Tui.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2025