A Xunta destaca que o Plan director do sector TIC incrementará a competitividade e a innovación desta industria clave para a economía galega
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, asistiron a unha sesión de traballo co Clúster TIC
A Coruña, 4 de xuño de 2025
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo empresarial, Margarita Ardao, asistiron hoxe a unha sesión de traballo co Clúster TIC onde destacaron que futuro Plan Director do sector das TIC incrementará a competitividade e a innovación desta industria clave para a economía galega. Un sector que contribúe de maneira significativa ao avance do resto de sectores, engadiron.
Na xuntanza, os representantes do Executivo autonómico, puxeron en valor que a Xunta xa aprobou dous plans directores -o da automoción e do naval- e fixeron fincapé no papel que desempeñan estes instrumentos de carácter estratéxico e que teñen o obxectivo de potenciar o desenvolvemento da actividade industrial a través de medidas encamiñadas a fortalecer as industrias, mellorando a súa competitividade, fomentando a súa internacionalización, favorecendo a sustentabilidade e impulsando a innovación nos procesos produtivos.
En definitiva, trátase de contar cun instrumento consensuado e que dea unha resposta real ás necesidades de cada sector, neste caso o TIC, co obxectivo de acompañalo durante o seu proceso de crecemento e transformación. Contará con medidas que, partindo dunha análise da situación de partida, permitan impulsar ás empresas no seu proceso para manter e incrementar a súa competitividade.