A Xunta autoriza a compra de stents coronarios con destino aos servizos de hemodinámica da sanidade pública por importe de 16,4 millóns

A hemodinámica de cardioloxía intervencionista é unha rama da cardioloxía que se encarga da realización de procedementos por vía percutánea destinados ao diagnóstico e corrección de cardiopatías

Trátase da sexta compra centralizada para este tipo de material, o que permite un aforro para os dous anos de vixencia inicial do contrato de máis de 610.000 euros

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 7 de xullo para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025

O Portal de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación, por importe de 16.437.960 euros, do contrato para a subministración sucesiva de stents coronarios con destino aos servizos de hemodinámica da sanidade pública galega.

O contrato inicial terá unha duración de dous anos, contemplando a posibilidade de ser prorrogado por un período máximo de tres anos máis, acadando, nese caso, un valor estimado de 40.347.720 euros.

Esta é a sexta compra de carácter centralizado para este tipo de material, o que suporá un aforro de máis de 610.000 euros para os dous anos de vixencia inicial do contrato.

A hemodinámica de cardioloxía intervencionista é unha rama da cardioloxía que se encarga da realización de procedementos por vía percutánea destinados ao diagnóstico e corrección de cardiopatías, tanto de orixe estrutural como de orixe isquémico coronaria.

Os dispositivos obxecto desta compra son esenciais para o tratamento do estreitamento das arterias coronarias, contribuíndo a restablecer un fluxo sanguíneo axeitado cara ao miocardio.

O obxectivo da colocación do stent é abrir o interior dun vaso sanguíneo que se estreitou (acumulación de lípidos ou graxas e células inflamatorias nas paredes das arterias xunto con produción de coláxeno nas mesmas) e, polo tanto, deixa pasar menos sangue, o que pode causar anxina de peito ou infarto de miocardio.

Mediante a técnica de anxioplastia coronaria e implante de stent introdúcese un catéter ata a arteria estreitada. Na zona do estreitamento introdúcese un `balón’ desinflado que posteriormente se infla e dilata a arteria (ábrea de novo).

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen ata o vindeiro 7 de xullo para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 05/06/2025