Arranca con forza a campaña do Bono Activa Comercio en Pontevedra
O delegado territorial visitou varias tendas do centro pontevedrés e corroborou a satisfacción dos comerciantes coa iniciativa
Os Bonos Activa Comercio contan cun orzamento total de 2,5 millóns de euros para mobilizar 8,5 millóns en vendas
Reguera lembrou a importancia de apoiar o pequeno comercio e favorecer a súa competitividade
Pontevedra, 05 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a tenda Trulok, na cidade de Pontevedra para interesarse sobre a acollida que está a ter o Bono Activa Comercio un día despois do seu lanzamento.
Así, Reguera conversou ca responsable deste establecemento do centro pontevedrés, que durante todo o día de onte recibiu un goteo constante de clientes que buscaban canxear o seu bono.
A data de hoxe ás 9.00 horas, tan só 24 horas despois da súa activación, a 7ª edición dos Bonos Activa Comercio levaba xa arredor de 167.400 bonos descargados en toda Galicia. Ademais, nos máis de 6.500 negocios adheridos ata o momento lévanse trocado arredor de 1,3 millóns de euros en descontos, cunha mobilización total de vendas que supera os 5,7 millóns de euros.
No caso da provincia de Pontevedra hai preto de 2.400 comercios participantes, nos que se levan trocado arredor de 525.000 en descontos, cunha mobilización total de vendas de 2,3 millóns de euros.
Cabe destacar que os Bonos Activa Comercio pódense utilizar dende onte en calquera dos establecementos adheridos. A lista de negocios vencellados así como toda a información e a explicación paso a paso para descargar os bonos pódese atopar na web www.bonosactivacomercio.gal.
Esta iniciativa conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, cos que a Xunta espera xerar 8,5 millóns en vendas, axudar ás familias e promover o comercio de proximidade. Trátase de contribuír á dinamización do sector, mediante a fidelización e atracción de clientes.
Como en anteriores ocasións, cada persoa pode descargar un único bono, e non se limitará o número de usuarios, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.
Os bonos teñen formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe vaise reducindo en función do valor da compra. Ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
O delegado territorial destacou a importancia deste tipo de iniciativas que “teñen demostrado ser un éxito absoluto e que axudan aos pequenos comerciantes a manterse competitivos”.