O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración comprobou hoxe o avance do obradoiro dual ‘O Porriño Eco-Necta’
A Xunta de Galicia destinará máis de 10,6 M€ a 23 obradoiros duais de emprego da provincia de Pontevedra nos que se formarán preto de 460 persoas
José González destaca que o Goberno autonómico inviste case 455.000 euros na iniciativa impulsada polo Concello do Porriño para este ano e o que vén, grazas á que unha vintena de persoas combinarán formación e emprego durante nove meses
A metade do alumnado estase a capacitar na especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e a outra na de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web, en ambos casos con traballo efectivo en beneficio do municipio
O conselleiro pon en valor que estes programas permiten mellorar a cualificación profesional das persoas participantes para aumentar a súa empregabilidade, ao tempo que promoven traballos ou servizos de interese xeral e social
Para o período 2026-2027 a Xunta apoiará arredor dun cento de obradoiros en toda Galicia, dos que se beneficiarán unhas 2.000 persoas co foco na inserción laboral e na cobertura de vacantes en sectores estratéxicos, especialmente no rural
O Porriño (Pontevedra), 3 de setembro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, comprobou hoxe o avance do obradoiro dual de emprego O Porriño Eco-Necta, do que destacou a súa dobre vertente en resposta ás necesidades laborais da localidade porriñesa e da súa contorna. Unha máxima que, segundo resaltou, comparten o total de 23 programas deste tipo concedidos na provincia de Pontevedra para desenvolverse entre este ano e o que vén, cunha achega global superior aos 10,6 M€ e a previsión de beneficiar un total de 456 persoas.
No caso do Porriño, o conselleiro salientou que o investimento autonómico rolda os 455.000 euros. Permitirá que —durante un período de nove meses— un total de 10 persoas se formen e realicen un traballo efectivo en beneficio do seu municipio dentro da especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, mentres outras 10 se encadran na de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web.
Así, González puido ver na súa visita como a metade do alumnado traballador está a levar a cabo labores forestais na parroquia de Atios, que tamén beneficiarán a veciñanza de Budiño, Cans, Chenlo, Mosende, Pontellas, Porriño e Torneiros. En concreto, incidirase no mantemento e mellora da accesibilidade en camiños municipais, marxes e elementos de drenaxe, ademais de en aproveitamentos forestais nas parcelas e faixas secundarias de titularidade municipal.
Posteriormente, o conselleiro estivo no Multicentro Torneiro, onde a outra metade das persoas participantes avanzan no proceso de análise, deseño, desenvolvemento, posta en produción e soporte inicial dunha aplicación municipal que busca servir de canle única de relación entre o Concello do Porriño e a cidadanía.
O titular de Emprego celebrou que os obradoiros duais permitan seguir potenciando a colaboración coas entidades locais e promovendo servizos de interese xeral e social, ao tempo que se favorece con cualificación profesional e cun traballo remunerado que as persoas participantes adquiran experiencia a prol da súa empregabilidade.
Convocatoria 2026-2027
González aproveitou a visita para poñer de relevo as novidades da última convocatoria de obradoiros duais de emprego, como a reserva dunha parte do orzamento para accións que impartan certificados profesionais da familia profesional agraria e da de seguridade e medio ambiente relacionadas coa prevención e a extinción de incendios forestais. Así mesmo, valóranse os proxectos que realicen actuacións relacionadas coa prevención de lumes e restauración dos territorios afectados por incendios forestais en 2025.
A maiores, refórzase a aposta pola formación práctica, increméntanse os incentivos ás empresas por persoa insertada unha vez rematado o obradoiro e inclúese un novo incentivo para os municipios promotores por cada persoa que resulte contratada.
Cabe engadir que o obradoiro dual de emprego O Porriño Eco-Necta enmárcase no arredor dun cento que se impulsarán co apoio da Xunta entre este ano 2026 e o 2027, coa previsión de beneficiar unhas 2.000 persoas.