O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente da área sanitaria, Luis Verde, participou no acto de recepción dos residentes de 2025
Gómez Caamaño dá a benvida aos 131 novos residentes que inician a súa formación na área sanitaria da Coruña e Cee
Salienta que a Xunta aposta firmemente por ofrecer as mellores condicións de traballo aos residentes, impulsando medidas como a oferta de contratos específicos en medicina familiar e comunitaria ou pediatría, ou para favorecer a conciliación
Celebra que este ano o Ministerio mudase os criterios de selección, como lle demandaba Galicia, e se lograsen cubrir todas as prazas de formación especializada
Lembra que a área sanitaria da Coruña e Cee conta con centros de referencia que teñen o seu máximo expoñente no Complexo Hospitalario, á vangarda e en transformación, coas obras do Novo Chuac en pleno desenvolvemento
Remarca a ampla oferta de investigación sanitaria que ofrece a comunidade, con tres institutos avalados cos máis altos estándares de calidade, como o INIBIC da Coruña
Felicita aos profesionais implicados na formación polo seu traballo, que contribúe a que a área sanitaria da Coruña e Cee sexa un destino atractivo para os residentes
A Coruña, 7 de xuño de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, deulle hoxe a benvida aos 131 novos residentes que inician a súa formación na área sanitaria da Coruña e Cee.
Durante o acto de recepción, no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Luis Verde, o titular de Sanidade salientou a forte aposta da Xunta por ofrecer mellores condicións de traballo aos residentes, co impulso de medidas como a oferta de contratos específicos en medicina familiar e comunitaria ou pediatría, ou iniciativas para favorecer a conciliación.
Na súa intervención Gómez Caamaño sinalou que a área da Coruña e Cee conta con centros sanitarios de referencia, que teñen o seu máximo expoñente no Complexo Hospitalario, á vangarda e en transformación, coas obras do Novo Chuac en pleno desenvolvemento. Incidiu en que o obxectivo da Xunta é dotar á Coruña, a toda a súa área e aos profesionais dun hospital capaz de dar resposta ás necesidades asistenciais, docentes e de investigación dos vindeiros cincuenta anos.
Referiu, ademais, a ampla oferta de investigación sanitaria que ofrece a comunidade, con tres institutos avalados cos máis altos estándares de calidade do Instituto Carlos III, entre eles, o INIBIC, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, centro de excelencia investigadora.
Gómez Caamaño explicou que os novos residentes terán a oportunidade de aprender dos mellores profesionais e estarán sempre acompañados, xa que o Servizo Galego de Saúde conta cun equipo de máis de 950 titores altamente cualificados que estarán á súa disposición.
Quixo recoñecer tamén o labor de todos os profesionais implicados na formación polo traballo que realizan, que contribúe a que a área sanitaria da Coruña e Cee sexa, cada ano, un destino atractivo para os que inician a súa formación especializada.
A este respecto, celebrou que en Galicia e no conxunto de España este ano non quedase ningunha praza vacante de formación sanitaria especializada por cubrir por primeira vez en moito tempo, grazas a que o Ministerio de Sanidade mudou o criterio de selección, como demandaba o Executivo galego.
O conselleiro destacou que os novos residentes teñen moito que achegar ao sistema sanitario público, tendo por diante o reto de contribuír a transformar e optimizar a sanidade. Amosouse confiado en que, ao remate da súa formación, verán en Galicia unha terra de oportunidades onde continuar a súa carreira profesional.
Os 131 residentes que escolleron a área sanitaria da Coruña e Cee para realizar a súa formación son, concretamente, das especialidades de medicina hospitalaria, 65; de medicina de familia, 38; de enfermería, 22; de farmacia, 2; de psicoloxía, 2; de microbioloxía, 1; e de química, 1.