O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, presentan o proxecto de execución do novo centro vigués

A Xunta licita este mes por 19 M€ a obra de construción do instituto Domingo Villar de Navia, que comezará a funcionar no curso 2027/28

A previsión é comezar a construción, que conta cun prazo de 18 meses, entre outubro e novembro deste ano

Tamén comezarán este mes as obras urbanización do polígono 2 do barrio, no que se situará o centro

Os conselleiros destacan a coordinación entre os seus departamentos na tramitación para facer realidade o centro e salientan a solidez do proxecto da Xunta para Navia

Preséntase un audiovisual que permite coñecer por dentro o instituto, o primeiro deseñado de forma íntegra conforme ao Plan de nova arquitectura pedagóxica

Vigo, 6 de xuño de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e a conselleira de Vivenda e Planificación de infraestruturas, María Martínez Allegue, presentaron hoxe o proxecto de execución do novo Instituto IES Domingo Villar, en Navia, que conta cun orzamento de 19M€. Nun acto no colexio CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, no mesmo barrio vigués, os representantes da Xunta anunciaron que a obra se vai licitar este mes, e que tamén se comezarán as obras de urbanización do polígono 2, no que se situará o centro.

“Damos o impulso definitivo para que o novo instituto de Navia sexa unha realidade no curso 2027/28 e será un dos mellores institutos de España”, destacou o conselleiro de Educación. Licitando a obra en xuño, a previsión é poder comezala entre outubro e novembro de 2025. Isto supón que a construción do IES Domingo Villar comezará este mesmo ano, tal e como estaba comprometido e, cun prazo de execución de 18 meses, rematará entre marzo e abril de 2027.  “Trátase dun proxecto moi traballado que dá resposta aos veciños de Navia e de outros centros da contorna”, dixo Román Rodríguez.

No que atinxe á urbanización do polígono, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, explicou que este mes comezarán as obras de urbanización do Polígono 2, onde se situará o novo instituto, e que en Navia xa están en marcha, en diferentes estados de tramitación máis de 900 inmobles. O Goberno galego leva investido 134M€ no barrio vigués e ten comprometidos 248M€. 

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas puxo Navia como exemplo das políticas da Xunta e salientou que  o barrio “representa o modelo de cidade que busca o Goberno Rueda, sostibles, respectuosas co entorno, con zonas verdes e lugares para gozar en familia, parque infantís para a cativada, con fogares accesibles e servizos públicos de calidade".

Os representantes da Xunta destacaron a coordinación entre os seus departamentos na tramitación dos distintos pasos dos procesos administrativos e construtivos para axilizalos o máximo posible, compaxinando tres trámites: a licenza de obra, a urbanización do polígono e a obra do instituto. Neste sentido, salientaron a solidez do proxecto do Goberno galego para Navia, tanto no que atinxe á dotación de vivenda como de infraestruturas educativas. 

No acto de hoxe presentouse, ademais, un audiovisual que permite entrar virtualmente no instituto e ver como será o seu interior e distribución. Cómpre lembrar que o Domingo Villar será o primeiro de Galicia deseñado seguindo os parámetros académicos, tecnolóxicos e de sostibilidade recollidos no Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Espazos versátiles

O Instituto IES Domingo Villar de Vigo terá capacidade para arredor de 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m², divididos en edificio principal de aulario, ximnasio, espazos complementarios e biblioteca.

A organización espacial será flexible e versátil, con espazos interactivos para fomentar novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables, na liña dos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica. Así mesmo, o centro contará con foros, espazos polivalentes centrais e comúns que permiten expandir as aulas para poder compartir traballos ou experiencias.

O novo edificio estará organizado na zona de aulas en seis grupos didácticos para cada curso de ESO ou Bacharelato. Cada un deles inclúe as catro aulas do mesmo curso, a de desdobre e o foro correspondente. As clases teñen a posibilidade de agruparse dúas a dúas por medio de tabiques móbiles. Os foros, zona de traballo común para todos os grupos do mesmo curso, poderán ampliarse retirando o tabique móbil que o separa da aula de desdobre para adaptar o espazo a cada circunstancia que xorda. 

Eficiencia e integración na contorna

Na procura da eficiencia enerxética, as carpinterías exteriores na fachada sur das zonas en contacto cos patios contan cun beiril que protexe da incidencia solar cando este está alto, o que permite a entrada de luz e ganancias térmicas nos meses fríos e limitan o sobrequecemento no período estival. Ademais, todas as aulas e zonas sensibles dispoñen de protección acústica, debido á proximidade da vía de alta capacidade.

O proxecto integra a masa arbórea situada ao norte da parcela, de especies autóctonas con valor ambiental e paisaxístico. Este espazo funcionará como eixo vertebrador das circulacións do novo centro e como un patio verde. Ademais, para separar o centro da vía de alta capacidade próxima, proxéctase un talude vexetal e unha barreira de árbores novas. O centro estará dotado tamén cunha zona de aparcamento de bicicletas, inmediata ás novas ciclovías do barrio de Navia, para apoiar a nova mobilidade de proximidade.

Accesibilidade e inclusión

O novo edificio será accesible e inclusivo, evitando as barreiras ás persoas con mobilidade reducida e evitando factores discriminatorios. Prevese a colocación de sinalética e grafismos de tamaño e cor moi visibles que aclaren os itinerarios dentro do edificio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2025