Medio Rural lembra que a mediados de mes convocaranse as axudas de 36 M€ para fomentar a remuda xeracional no agro

A conselleira María José Gómez destacou na apertura das Feiras de Primavera do Páramo outras iniciativas de apoio ao sector, como son a formación dos futuros agricultores e gandeiros ou o Banco de explotacións

Remarcou a vocación agrogandeira e leiteira desta localidade e enxalzou o atractivo deste evento, cun completo programa no que destacan a feira e o desfile de gando, actuacións musicais e un espectáculo ecuestre; así como a exposición de maquinaria

O Páramo (Lugo), 6 de xuño de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou hoxe que a Xunta convocará a mediados deste mes as axudas de 36 millóns de euros para incorporación de mozos e plans de mellora. Na inauguración da 48ª edición das Feiras de primavera do Páramo, a conselleira puxo en valor estas achegas, que buscan fomentar a remuda nas explotacións agrogandeiras e asegurar a continuidade desta actividade.

Ademais, Gómez, que estivo acompañada polo alcalde da localidade, José Luis López, lembrou tamén algunhas das iniciativas que se están levando a cabo e que permiten seguir traballando a prol do rural, como son os programas de formación para futuros agricultores e gandeiros, o Banco de explotacións para garantir a continuidade das granxas e as actividades para promover a calidade da produción agroalimentaria galega.

A maiores, a conselleira remarcou a vocación agrogandeira e leiteira do Páramo, así como a relevancia destas Feiras de primavera e o seu atractivo para todas aquelas persoas que visiten o lugar estes días. Cun programa no que destacan desde a tradicional feira do gando e o desfile de gando vacún ata actuacións musicais e un espectáculo ecuestre. Nesta cita, a conselleira e o alcalde visitaron a exposición de maquinaria agrícola e a feira de artesanía, tralo tradicional corte de cinta inaugural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2025