A Xunta acomete este ano obras por preto de 800.000€ nos colexios de San Roque e de Sestelo-Baión, en Vilanova de Arousa
O conselleiro de Educación visita o CEIP San Roque, onde a Consellería está a habilitar un novo comedor reformando o interior de tres antigas vivendas de mestres
En Sestelo constrúese un espazo cuberto para a práctica deportiva e como patio cuberto
Román Rodríguez visita tamén esta tarde a 7º edición da mostra ArTsorey do instituto IES Francisco Asorey de Cambados
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 6 de xuño de 2025
A Xunta acomete este ano obras por preto de 800.000€ nos colexios CEIP Plurilingüe de San Roque e CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión, en Vilanova de Arousa. Así o destacou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita ao centro de San Roque, onde sinalou que ambas as actuacións están xa adxudicadas e nunha fase inicial de execución.
“Estas melloras, incluídas nun investimento de máis de 1M€ nos centros de Vilanova no Plan de nova arquitectura pedagóxica, buscan mellorar o día a día da comunidade escolar, dotando estes centros de mellores instalacións deportivas e dun novo comedor”, detallou o conselleiro.
No que atinxe ao CEIP Plurilingüe de San Roque, a obra adxudicouse por máis de 165.000€ e nestes momentos arrancaron os primeiros traballos, cun 10% de grao de execución. A actuación consiste, principalmente, na reforma interior de tres vivendas de mestres, actualmente sen uso, para dotar ao colexio dun novo comedor.
No seu interior, créase unha gran sala de comedor, cunha zona de preparación e montaxe dos menús e zona de almacén. Tamén se realizan dous novos aseos para uso do comedor e dúas estancias-despachos. De xeito complementario, mellorarase o illamento térmico do conxunto. A superficie total a reformar é de case 215m² e o prazo de execución das obras é de 5 meses.
Novos espazos en Sestelo-Baión
Cun investimento de 630.000€, a actuación no CEIP Plurilingüe de Sestelo-Baión consistirá na construción dun espazo multifuncional cuberto con panel tipo sándwich opaco e panel policarbonato translucido, de 400 m², para uso como patio cuberto os días de choiva e zona para Educación Física.
Debido ao desnivel do terreo, aproveitarase parte do espazo inferior para habilitar un almacén de 190m². A nova construción terá un soportal de conexión, de 80m², en continuidade co existente no colexio e paralelo á pista deportiva exterior. O prazo de execución da obra é de 5 meses.
Homenaxe a Asorey
O conselleiro visita tamén esta tarde no Pazo de Torrado, en Cambados, a 7ª edición de ArtSorey, a mostra de arte e artistas que organiza o Instituto IES Francisco Asorey. A cita deste ano homenaxea ao escultor cambadés, baixo o título Tesouro, Asorey Revisitado, monográfico arredor dunha das súas máis célebres, O Tesouro.
A exposición deste ano conta coa participación de máis de 70 alumnas e alumnos de 1º, 3º e 4º ESO, que comparten espazo con máis de 30 artistas convidados, entre artistas plásticos, visuais e músicos.