Román Rodríguez destaca en Salimat o reforzo da FP en hostalaría, turismo e industrias alimentarias con preto de 4.500 novas prazas o vindeiro curso

O conselleiro visita o expositor no Salón de Alimentación do Atlántico, onde alumnos de cinco centros educativos amosan o potencial da Formación Profesional galega

Silleda (Pontevedra), 7 de xuño de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o stand de Formación Profesional no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca) que se está a desenvolver na Feira Internacional de Galicia Abanca, na localidade de Silleda, onde destacou o compromiso do Goberno galego co sector alimentario e, en concreto, do seu departamento coa aposta pola formación e a cualificación neste eido.

O titular de Educación do Goberno galego referiuse á oferta de FP para o vindeiro curso e que suma preto de 4.500 prazas de novo ingreso para as familias profesionais de Hostalaría e turismo e de Industrias alimentarias, o que supón “unha oportunidade académica de primeiro nivel” para os mozos que opten por matricularse nalgún dos variados ciclos formativos que integran estas familias. De feito, na familia de Hostalaría e turismo ofértanse un total de 3.423 prazas novas (un 7% máis ca no presente curso) e na de Industrias alimentarias serán 1.056 novas prazas en primeiro curso (preto dun 11% máis).

Román Rodríguez destacou que o stand de FP deste salón, onde os estudantes fan demostracións ao vivo dos coñecementos adquiridos, “é un bo exemplo” da calidade das ensinanzas de FP, que se reflicte nunha alta inserción laboral, e animou á cidadanía en xeral e á mocidade en particular a achegarse a este espazo, que mañá pechará as súas portas, para coñecer a oferta formativa e as saídas profesionais neste eido.

A FP galega en Salimat este ano está representada polos centros integrados de FP CIFP Paseo das Pontes da Coruña, CIFP Fraga do Eume de Pontedeume, CIFP A Granxa de Ponteareas e CIFP de Vilamarín e o Instituto IES de Foz.

Prazas na comarca

Con motivo da visita a Silleda, o conselleiro tamén se referiu á oferta formativa na área de Deza-Tabeirós-Terra de Montes, cun total de 809 prazas de novo ingreso, un 6,03% máis ca no presente curso. Entre as novidades na comarca destaca o novo ciclo de FP Dual Xeral de grao medio de Actividades comerciais no Instituto IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda e o novo máster de Dixitalización do mantemento industrial no Instituto IES Laxeiro de Lalín.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2025