O Servizo Galego de Saúde avoga por reforzar o peso da enfermería como columna vertebral do sistema sanitario público
O xerente do Sergas, José Ramón Parada, participou hoxe no acto de graduación da Escola Universitaria de Vigo
Salientou a aposta da Xunta por fomentar a innovación nos coidados de enfermería, desenvolver competencias profesionais, impulsar a investigación e mellorar a comunicación interdisciplinar
Vigo, 6 de xuño de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, participou esta tarde no acto de graduación dos alumnos da Escola de Enfermería de Vigo, un acto, no que subliñou a aposta da Consellería de Sanidade por reforzar o peso desta categoría profesional.
Acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e pola directora da Escola Universitaria do Meixoeiro, José Ramón Parada precisou que o persoal de enfermería representa na actualidade a “columna vertebral” do sistema sanitario público. Este colectivo, abundou, contribúe a aproximar a excelencia asistencial aos servizos dos centros sanitarios galegos.
Durante o acto, celebrado no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro, o xerente do Servizo Galego de Saúde detallou que o Goberno galego está a traballar para aumentar o peso da enfermería na sanidade pública para fomentar a innovación nos coidados de enfermería; desenvolver competencias profesionais; impulsar a investigación en enfermería; e mellorar a comunicación interdisciplinar.
“Queremos recoñecer e poñer en valor o labor esencial da enfermería, co ánimo de construír un Servizo Galego Saúde forte, equitativo e centrado nas persoas”, destacou Parada.
O xerente do Servizo Galego de Saúde pechou a súa intervención felicitando os 43 novos graduados en enfermería, desexándolles unha próspera carreira profesional.