A Xunta presenta a maior oferta de formación sanitaria especializada da súa historia coa convocatoria de 676 prazas para o exercicio 2025-2026

Rueda salienta que o número de prazas ofertadas na comunidade aumentou “un 77%”  na última década

A nova convocatoria incrementa o número de profesionais en formación en 19 prazas, un 2,9 % máis que o ano pasado 

Entre outras especialidades, esta ampliación permitirá contar con 12 prazas máis de formación MIR (medicina) e 3 prazas máis de formación EIR (enfermaría) 

O presidente destaca que no ámbito da atención primaria, “a Xunta convoca o 100 % das prazas de medicina familiar e comunitaria, 207, e de pediatría, 27”

Galicia seguirá a incrementar a oferta de prazas vinculadas á saúde mental, con 19 prazas de psiquiatría, 2 de psiquiatría infantil, 16 de psicoloxía clínica e 21 de enfermaría especialista en saúde mental

O conselleiro de Sanidade salienta que esta medida busca “dar estabilidade aos profesionais, o maior activo” do sistema sanitario

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello “aprobou a maior oferta de formación sanitaria especializada da historia de Galicia” para o exercicio 2025-2026 con “676 prazas”. Tal e como explicou, a nova convocatoria incrementa o número de profesionais en formación “en 19 prazas”, o que supón unha suba do 2,9 %, respecto do pasado ano e “do 77% respecto a hai unha década” cando Galicia ofertaba 381 prazas para formación sanitaria especializada.

Así, entre outras especialidades, esta ampliación permitirá contar con “12 prazas máis de formación MIR (medicina) e 3 prazas máis de formación EIR (enfermaría)”, segundo indicou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

Rueda resaltou que, no que atinxe ao ámbito da atención primaria, “a Xunta convoca o 100 % das prazas de medicina familiar e comunitaria, 207, e de pediatría, 27”. Así, no caso da especialidade de medicina familiar e comunitaria, nas seis últimas convocatorias Galicia ofertou a totalidade das prazas acreditadas polo Ministerio de Sanidade.

Cómpre destacar que o Executivo galego financia integramente a formación de especialistas sanitarios consignando unha partida de 83,5 millóns de euros nos orzamentos de 2025.

A medida permitirá, segundo indicou o conselleiro, “dotar de máis profesionais ao Servizo Galego de Saúde e dar estabilidade o cadro de persoal”, tendo en conta a aposta da Xunta polos profesionais “que son o maior activo” da sanidade pública.

Máis prazas formativas para saúde mental

Na elaboración da oferta anual de prazas de formación sanitaria especializada, a Xunta ten en conta as necesidades asistenciais do sistema sanitario galego e os recursos de que dispón, co obxectivo de planificar o futuro e de ofertar unha formación sanitaria especializada de máxima calidade.

Por este motivo, no exercicio 2025-2026, tal e como salientou o presidente, Galicia seguirá a incrementar a súa oferta nas unidades docentes vinculadas “á saúde mental”, ao pasar das 56 prazas da convocatoria 2024-2025, ás 58 prazas da actual (suba do 3,6 %).

En concreto, convócanse 19 prazas de psiquiatría (unha máis que na anterior oferta), 2 prazas de psiquiatría infantil, 16 de psicoloxía clínica (unha máis que na anterior oferta) e 21 de enfermaría especialista en saúde mental.

Reclamacións ao Ministerio de Sanidade

A formación dos profesionais sanitarios constitúe un piar básico no desenvolvemento do sistema sanitario público galego. Así, e dentro das súas competencias, o Executivo galego segue a realizar un importante esforzo para incrementar a capacidade de formación dos especialistas que serán necesarios para prestar uns servizos sanitarios de calidade.

Por este motivo, Galicia continúa a reclamar ao Ministerio de Sanidade que adopte medidas que melloren o sistema de formación sanitaria especializada.

Sobre este particular, e malia que o Goberno central accedeu este ano finalmente a adoptar as propostas trasladadas pola Xunta de eliminar a nota de corte na elección de prazas, e de recuperar a posibilidade de elección presencial, que demostrou a súa efectividade ao permitir cubrir o 100 % das prazas que se ofertaban en formación especializada, segue a ser preciso que o Executivo estatal adopte novas medidas para mellorar a formación dos especialistas sanitarios.

En concreto, é necesario seguir a mellorar o sistema de selección de prazas para evitar que queden vacantes despois da resolución da convocatoria, por exemplo modificando o sistema de chamamento, de xeito que os aspirantes coñezan con máis exactitude o centro de saúde de destino a que optan.

Así mesmo, debe axilizarse a creación da especialidade de medicina de urxencias e emerxencias. O obxectivo é evitar que os residentes que desexen especializarse neste ámbito da saúde, non estean obrigados a elixir a especialidade de medicina familiar e comunitaria para acceder aos servizos de urxencias. Xa que logo, é preciso dar celeridade ao acordo acadado pola Comisión Nacional de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde.

Por último, e de acordo co auxe da medicina personalizada, Galicia tamén lle demanda ao Goberno central axilizar a creación das especialidades de xenética médica e xenética de laboratorio, aprobada en decembro de 2024, e que incorpore un Rexistro de profesionais do Sistema nacional de saúde (SNS), un compromiso adquirido polo Ministerio de Sanidade no ano 2018 e que segue sen levarse a cabo a día de hoxe.

ANEXO

PRAZAS FORMACIÓN SANITARIA ESPECIALIZADA GALICIA 2025-2026

 

Especialidade

Oferta FSE
2025-2026

 

 

ALERGOLOXÍA

2

ANÁLISES CLÍNICAS

6

ANATOMÍA PATOLÓXICA

7

ANESTESIOLOXÍA E REANIMACIÓN

20

ANXIOLOXÍA E CIRURXÍA VASCULAR

5

APARELLO DIXESTIVO

10

CARDIOLOXÍA

10

CIRURXÍA CARDIOVASCULAR

1

CIRURXÍA XRAL. E DO A. DIXESTIVO

13

CIRURXÍA ORAL E MAXILOFACIAL

1

CIRURXÍA ORTOPÉDICA E TRAUMATOLOXÍA

15

CIRURXÍA PEDIÁTRICA

1

CIRURXÍA PLÁSTICA ESTÉTICA E REPARADORA

2

CIRURXÍA TORÁCICA

1

DERMATOLOXÍA MÉDICO-CIRÚRXICA

6

ENDOCRINOLOXÍA E NUTRICIÓN

5

FARMACIA HOSPITALARIA

11

XERIATRÍA

4

HEMATOLOXÍA E HEMOTERAPIA

8

INMUNOLOXÍA

1

MEDICINA FÍSICA E REHABILITACIÓN

6

MEDICINA INTENSIVA

9

MEDICINA INTERNA

20

MEDICINA NUCLEAR

2

MICROBIOLOXÍA E PARASITOLOXÍA

6

NEFROLOXÍA

5

PNEUMOLOXÍA

8

NEUROCIRURXÍA

3

NEUROFISIOLOXÍA CLÍNICA

3

NEUROLOXÍA

9

OBSTETRICIA E XINECOLOXÍA

10

OFTALMOLOXÍA

10

ONCOLOXÍA MÉDICA

11

ONCOLOXÍA RADIOTERÁPICA

3

OTORRINOLARINGOLOXÍA

8

PEDIATRÍA E ÁREAS ESPECÍFICAS

27

RADIODIAGNÓSTICO

19

RADIOFÍSICA HOSPITALARIA

4

REUMATOLOXÍA

5

UROLOXÍA

8

MEDICINA FAMILIAR E COMUNITARIA

207

ENFERMARÍA FAMILIAR E COMUNITARIA

53

MEDICINA PREVENTIVA

5

MEDICINA DO TRABALLO

6

ENFERMARÍA DO TRABALLO

2

MATRONAS

20

PSIQUIATRÍA

19

PSIQUIATRÍA INFANTIL E DA ADOLESCENCIA

2

PSICOLOXÍA CLÍNICA

16

ENFERMARÍA SAÚDE MENTAL

21

ENFERMARÍA PEDIÁTRICA

16

ENFERMARÍA XERIÁTRICA

4

 

 

TOTAL

676

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2025