A Xunta licita por máis de 300.000 euros a subministración de estacións de radiodiagnóstico con destino ao Hospital Novo Montecelo
O Servizo Galego de Saúde continúa a planificar a dotación de novo equipamento para a posta en marcha da infraestrutura sanitaria
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 9 de decembro para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026
A Xunta publica hoxe, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 333.960 euros, da subministración de estacións de radiodiagnóstico con destino ao servizo de Radioloxía do Hospital Novo Montecelo, pertencente á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Deste xeito, dotarase á nova infraestrutura de 36 equipos de radiodiagnóstico. Cada un incluirá unha estación de traballo, un monitor estándar e un único monitor para radiodiagnóstico. Así, distribúense en 33 monitores de diagnóstico de 8 megapixels e 3 monitores de diagnóstico mamográfico de 12 megapixels.
A Consellería de Sanidade continúa a planificar a dotación de novo equipamento para a posta en marcha da infraestrutura sanitaria. O obxectivo é garantir unha execución eficaz, ordenada e segura do conxunto de actividades que resultan precisas para o traslado e posta en funcionamento do novo hospital público de Pontevedra.
As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 9 de decembro para presentar as súas ofertas.