A Xunta explica os traballos de conservación que executa no territorio da Reserva Nacional de Caza dos Ancares
A Delegación Territorial de Lugo acolleu a reunión da xunta consultiva deste organismo, que presidiu o delegado, Javier Arias
Estanse aplicando tratamentos en bosques autóctonos, sementando cereal, ou realizando rozas sobre un total de 260 hectáreas, e limpando ou sinalizando 79 quilómetros de camiños
Lugo, 10 de xuño de 2025
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a reunión anual da xunta consultiva da Reserva Nacional de Caza dos Ancares, que presidiu o delegado territorial, Javier Arias, e contou coa participación de representantes de varios servizos da Administración autonómica así como das Administracións locais, asociacións de Caza, Montes veciñais en man común ou entidades naturalistas e ecoloxistas, entre outros implicados.
Os técnicos explicaron os traballos que executa Seaga por encargo da Xunta sobre o territorio da Reserva, que se estende polo municipio de Cervantes. Apuntaron que afectan a algo máis de 260 hectáreas de terreo e 79 quilómetros de pistas e camiños, e a previsión é que estean rematados a final deste ano.
En concreto, estanse aplicando tratamentos en máis de 70 hectáreas de bosques autóctonos, entre os que destacan as tarefas xa finalizadas para rexenerar 10 hectáreas de carballeira en Vilanova do Pedregal e case 7 de bidueiral no monte de Brego, todas afectadas polo lume no ano 2017.
Igualmente, seméntanse 7,28 hectáreas de centeo repartidas en 28 zonas, e realízanse rozas mecanizadas ou manuais en máis de 183 hectáreas de campas e pasteiros naturais distribuídas en 51 áreas, intercalando zonas sen rozar para refuxio da fauna.
No que respecta ás pistas, nas próximas semanas comezarán os labores de mellora dos camiños entre Piornedo e Campo Redondo (2,4 quilómetros) e entre Piornedo e Moreira (300 metros). Así mesmo, acométense rozas en 32,5 quilómetros de pistas e sendas, e para rematar sinalizaranse case 44 quilómetros de rutas, marcando o trazado e instalando 30 carteis informativos que axudarán a interpretar o contorno e elementos singulares.
A reunión serviu tamén para avaliar a evolución dos resultados cinexéticos na Reserva durante os últimos dez anos e aprobar o plan anual de caza para a tempada 2025-2026, conforme aos censos de poboacións dispoñibles de rebezo, perdiz e xabaril.