A modificación da Lei foi abordada na Mesa Sectorial de Sanidade celebrada esta mañá no edificio administrativo de San Lázaro

A Xunta incorporará na modificación da Lei de saúde o acoso dixital como forma de violencia ao persoal da sanidade

A Consellería de Sanidade atende as achegas trasladadas polos distintos sindicatos para mellorar a protección do persoal da sanidade fronte ás agresións

As sancións que impoñan ao agresor a obriga de reparación de danos persoais incluirán as pertenzas persoais da vítima

Establécese, ademais, que cando a administración contrate servizos con medios externos, os pregos de licitación incorporarán a obriga de dispoñer dun plan de prevención e de formación similar ao do Servizo Galego de Saúde

Na Mesa Sectorial abordouse a oferta de emprego público para 20225, co incremento de 2.000 prazas máis das inicialmente previstas, sumando 3.460 prazas

As categorías con maior oferta serán as de enfermería e técnico en coidados auxiliares de enfermería, con máis de 1.100 prazas e preto de 1.000, respectivamente

En licenciado sanitario, a categoría con maior número de prazas será médico de urxencias hospitalarias; en xestión e servizos, celador e persoal de servizos xerais

O decreto de oferta de emprego público presentado esta mañá polo Servizo Galego de Saúde contou cos votos a favor dos sindicatos CSIF, CCOO e UGT

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025

A Xunta acepta incorporar na modificación da Lei de Saúde que está a tramitar o acoso dixital como forma de violencia ao persoal da sanidade.

Así se trasladou na reunión da Mesa Sectorial de Sanidade que se celebrou esta mañá no edificio administrativo de San Lázaro. Deste xeito, a Consellería de Sanidade atende as achegas trasladadas polos distintos sindicatos para mellorar a protección do persoal da sanidade ante as agresións.

Tamén se acordou que nas sancións que impliquen a reparación de danos materiais por parte dos agresores se incluirán como parte desa reparación as pertenzas da vítima, de ser o caso. Deste xeito, o agresor deberá tamén facer fronte á reparación de obxectos persoais do agredido, como poden ser as gafas.

Así mesmo, a proposta das organizacións sindicais, incorporarase un apartado para que, cando a administración contrate servizos con medios externos, os pregos de licitación incorporen a obriga da empresa contratista de dispoñer dun plan de prevención e de formación en termos equivalentes aos esixidos para o Servizo Galego de Saúde.

Oferta de emprego público 2025

Na reunión da Mesa Sectorial desta mañá o Servizo Galego de Saúde presentou ás organizacións sindicais o borrador de decreto polo que se ampliará en 2.000 prazas máis das previstas inicialmente a oferta de emprego público para 2025, polo que se acadarán as 3.460 prazas.

Para afondar na estabilidade do persoal da sanidade pública, a Xunta aplicará, con carácter excepcional, a taxa adicional de reposición específica que está prevista na lexislación. En aplicación da taxa establecida con carácter xeral na normativa básica estatal para a reposición de efectivos nos centros sanitarios, que é do 120 % por ser o do persoal sanitario, un sector prioritario, a Xunta xa tiña aprobada unha oferta para 2025 de 1.460 prazas.

Agora, o Goberno galego incrementará este número en 2.000 máis aplicando unha taxa adicional específica co fin de dar resposta a curto e medio prazo ás necesidades organizativas do sistema sanitario.

O documento presentado hoxe aos representantes dos traballadores recolle 1.340 prazas de diplomado sanitario, prevendo superar as 1.000 prazas na categoría de enfermeiro.

Nas categorías de licenciado sanitario está previsto ofertar 271 prazas, coa maior oferta en médico de urxencias hospitalarias, facultativo especialista en anestesioloxía e reanimación, facultativo especialista en aparello dixestivo, facultativo especialista en psicoloxía clínica, facultativo especialista en cardioloxía e facultativo especialista en pediatría e as súas áreas específicas.

En sanitario de formación profesional ofertaranse 1.124 prazas, correspondendo a maior oferta a técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE), ademais de técnico superior en imaxe para o diagnóstico e técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.

Nas distintas categorías de xestión e servizos, presentáronse 725 prazas, a maior parte delas na categoría de celador, en persoal de servizos xerais (PSX), no grupo auxiliar da función administrativa e en pinche.

O decreto de oferta de emprego público presentado esta mañá polo Servizo Galego de Saúde contou cos votos a favor dos sindicatos CSIF, CCOO e UGT.

Data de actualización: 10/06/2025